5 de xul. de 2023

A GUARDA

A Xunta de Galicia analiza coa confraría de pescadores da Guarda a situación do sector 

E as necesidades dos profesionais da súa área de influencia


O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a confraría de pescadores da Guarda e mantivo un encontro cos seus representantes

Fotos: X.G.


O conselleiro do Mar, Alfonso Villares tamén visitou á nave das redeiras Atalaia

Infogauda / A Guarda

 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a confraría de pescadores da Guarda e mantivo un encontro cos seus representantes no que analizaron a situación do sector marítimo-pesqueiro e as necesidades dos profesionais da súa área de influencia. O titular de Mar, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, así como polo alcalde Roberto José Álvarez Carrero e membros da corporación municipal de A Guarda, abordaron distintas cuestións de interese para a actividade marítimo-pesqueira como as melloras que está a acometer Portos de Galicia no peirao local co obxectivo de mellorar as condicións de traballo dos distintos operadores portuarios. 

 Esta é a primeira xuntanza que mantén o conselleiro cos responsables da confraría da Guarda desde que asumiu o cargo e enmárcase nos contactos que está a manter con distintas entidades do sector para coñecer as súas inquedanzas e preocupacións co obxectivo de buscar posibles solucións. Estes encontros son especialmente relevantes para resolver cuestións da operativa diaria dos traballadores da pesca e do marisqueo, así como para coñecer a evolución da actividade nas distintas zonas tendo en conta o impacto que tivo a pandemia pola covid-19, as dificultades derivadas da guerra en Ucraína ou a espiral inflacionista na que está inmersa a economía nos últimos meses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario