5 de xul. de 2023

O ROSAL

O Concello do Rosal aproba a súa organización municipal  

O pleno aprobou onte martes as atribucións dos concelleiros e concelleiras e as diferentes dedicacións do Goberno municipal  

A alcaldesa destacou o compromiso do equipo de Goberno para mellorar a calidade de vida da veciñanza e que “O Rosal sexa o lugar elixido por moitas persoas para desenvolver o seu proxecto de vida”  


A alcaldesa Ánxela Fernández Callís xunto coa concelleira e concelleiros da Xunta de Goberno Local do concello do Rosal

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal aprobou onte martes en pleno a organización e funcionamento da Corporación municipal para o mandato que acaba de comezar, no que se abordaron cuestións como as competencias de cada concelleira e concelleiro, as dedicacións, a composición e atribucións da Xunta de Goberno Local ou a periodicidade das sesións plenarias.  

 Como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, a estrutura do equipo de Goberno municipal responde ao obxectivo de poñer á veciñanza e as súas necesidades no centro da acción política e facelo “cun equipo preparado, diverso, capacitado e con moitas ganas e ilusión para seguir mellorando a calidade de vida de rosaleiros e rosaleiras”. “Traballaremos para que O Rosal se converta no lugar elixido por moitas persoas para desenvolver o seu proxecto de vida”, salientou.  

 Neste camiño, dende Alcaldía manterase tamén a coordinación das áreas de Economía e Facenda, Formación e Emprego, Proxectos, Mobilidade, Participación Veciñal e Comunicación e Transparencia. En canto aos concelleiros e concelleiras delegadas do equipo de Goberno establécense as seguintes atribucións: 

- Germán Fernández Rodríguez levará Vías e Obras, Tráfico, Protección Civil, Saneamento e redes de subministro. 

- Beatriz Rodríguez Alfonso estará ao fronte de Medio Ambiente, Benestar Social, Igualdade, Voluntariado, Montes e augas. 

- José Carlos Martínez Crespo asumirá as áreas de Deportes, Educación e Turismo. 

- Roxelio Fernández Portela levará Urbanismo. 

- Carlos Villanueva Domínguez coordinará Cultura, Patrimonio, Sanidade e Transporte. 

- Alejandro González Martínez collerá as rendas das áreas de Comercio, Novas Tecnoloxías e Dixitalización, Xuventude e Persoal. 

 Respecto ás dedicacións e retribucións, o Concello do Rosal mantense a mesma dedicación exclusiva de 38.500 euros ao ano da Alcaldía e establécense dúas parciais ao 75% de 28.000 euros e unha parcial a media xornada de 18.000 euros, que exercerán Germán Fernández, Beatriz Rodríguez e José Carlos Martínez Crespo, respectivamente. Pola súa banda, outros tres edís desempeñarán o seu cargo sen dedicación.  

 Ademais, durante o pleno acordouse a periodicidade das sesións plenarias ordinarias, fixada para os últimos xoves dos meses impares ás 20.30 horas, e a composición, atribucións e funcionamento da Xunta de Goberno Local, que permitirá unha maior eficacia e celeridade na resolución de determinados asuntos de interese público. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario