30 de nov. de 2023

CULTURA

Do 1 ao 3 de decembro, Catro Ventos Editora estará na Culturgal 

Ademais de participar cun stand, haberá dúas actividades ligadas a novidades da editora: a presentación d´A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 no Stand da economía social e a d´As bicicletas si son para Galicia no Espazo Escena, seguida dunha pedalada familiar. 



Isidro Dozo Valladares / Pontevedra

 Catro Ventos Editora estará un ano máis na Feira das Industrias Culturais de Galicia, a Culturgal, e, desta volta, ocupará o stand n.º 17 durante os tres días que dura esta cita xa clásica coa cultura galega. E non só iso, contará con dúas presentacións das obras, unha delas apoiada por unha pedalada familiar coorganizada con Pedaladas Pontevedra.

Damos voz ás ciclousuarias

 Cal é o papel transformador da bicicleta na sociedade galega?

 O domingo 3 de decembro ás 12.00 h, no Espazo Escena, Patricia Buxán moderará un debate con tres das persoas que participan na obra: Iria Vázquez (socióloga), Carlos Risco (xornalista) e Daniel Díaz (experto en mobilidade). E non só iso: ao rematar a charla botamos man da bicicleta grazas a Pedaladas Pontevedra, asociación que nos propón un roteiro visibilizador orientado a familias pola Illa das Esculturas. 

 O novo lanzamento de Catro Ventos Editora, As bicicletas si son para Galicia, aborda o uso da bicicleta dende un punto de vista poliédrico: ecolóxico e ecoloxista (como alternativa aos vehículos contaminantes), de mobilidade sustentable (como elemento transformador da nosa relación coa contorna, non só nas cidades senón tamén no rural) e feminista (como ferramenta apoderadora).  

Imaxinando o futuro da lingua

 Será o venres 1 de decembro, ás 18.00 h, cando visitemos o stand da Economía Social e Solidaria do Culturgal para debater arredor da obra A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050. Participarán nesta conversa, Fernando Ramallo, coordinador da obra, e Tensi Gesteira, autoría dun dos textos do volume, titulado Desexo.




 Esta obra parte das mesmas preguntas formuladas na obra A lingua en 2050 (Catro Ventos, 2021), «Como cres que estaremos a mediados de século?» e «Como desexas que esteamos a mediados de século?». Constitúe a réplica da xeración nova, persoas menores de 30 anos no momento da publicación que proveñen de eidos diversos (ciencia, música, tradución, xornalismo, docencia…) e que falan de como ven a lingua na actualidade, imaxinan o seu futuro e comparten os desexos que teñen para ela. 

  A listaxe de autorías é diversa e con voces galegas  representativas cadansúa no seu eido: Alba Guzmán Falcón, Alba María Rodríguez Díaz, Alberto Mira (Berto), Branca Trigo Cabaleiro, Carla Míguez Bóveda, Daniel Amarelo, Ismael Ramos, Julieta Insagaray, Kai Lois Baltrusch Montero, Manuel Arca Castro, Nee Barros, Sara Seco Rial, Sara Villar Aira, Tamara Andrés, Tensi Gesteira Estévez, Xabier Benavides da Vila e Xanhe Redondo García (o Rabelo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario