18 de out. de 2023

VIGO

O PAC de Vigo volve colapsar ao ter que prestar asistencia con menos persoal 

A CIG-Saúde reclama a cobertura da totalidade das prazas estruturais para garantir a asistencia das urxencias en atención primaria  

Infogauda / Vigo

 "O PAC de Vigo viuse colapsado o pasado luns ao ter que prestar asistencia cun facultativo de menos na xornada laboral. Esta situación viuse agravada pola necesidade de asistencia dun dos facultativos fóra do centro, polo que a asistencia foi realizada polos dous facultativos que quedaron no centro. As esperas por parte dos doentes superaron nalgún caso as dúas horas", afirman desde a CIG-Saúde.  

 As mesmas fontes indican: "Esta situación fora de ser excepcional xa se está a converter en norma, sendo habitual nos últimos meses a prestación de asistencia no PAC de Vigo cun facultativo de menos, ben por causas sobrevidas ou ben por necesitar desprazar a algunha facultativa por ausencias noutros PAC da área sanitaria. Esta situación está a provocar un deterioro da prestación e o persoal esta a verse sobrecargado.  

 Hai que lembrar que a espera para unha cita ordinaria nos centros de saúde superen a semana, e mesmo nalgúns os 15 días, supoñendo un aumento da asistencia nos servizos de urxencias; e estes días a asistencia nos centros está a ser máis errática debido aos cambios producidos no concurso de traslados. 

 Desde a CIG vimos denunciando que a falta de cobertura da totalidade das prazas estruturais nos PAC está a producir problemas na organización dos mesmos. Estas prazas están sen cubrir para deixar horas para a figura de Facultativo Especialista de Atención Primaria, creada para solucionar os problemas asistencias de atención primaria, mais que lonxe de solucionar veu a deteriorar as condicións dun servizo que ten que ter unha cobertura do 100%. 

 Reiteramos polo tanto a solicitude da cobertura da totalidade das prazas estruturais para garantir a asistencia das urxencias en Atención Primaria". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario