18 de out. de 2023

A CORUÑA / VIGO

As traballadoras das escolas infantís privadas irán este xoves á folga por un convenio digno 

Infogauda / A Coruña / Vigo

 As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP teñen convocadas catro xornadas de folga en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta. Os paros desenvolveranse os días 19 e 25 de outubro e 8 e 15 de novembro e afectarán ás 2.000 traballadoras e traballadores dos 200 centros que hai en Galiza.  

 Coincidindo co primeiro día de paro, mañá xoves 19, tamén están convocadas as seguintes mobilizacións: 

- Vigo: manifestación ás 12h, dende o MARCO até a Porta do Sol. 

- A Coruña: manifestación ás 12h, dende a Praza de Pontevedra até o Obelisco. 

 As centrais sindicais denuncian unha vez máis o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3, xa que tras máis dun ano e 10 reunións non se avanzou nun acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.  

 Pero é que ademais, a patronal rexeitou as múltiples propostas feitas pola parte social no resto do articulado, no referente a melloras laborais e sociais, ben non respondendo ou mesmo propondo involucións en dereitos que non teñen xustificación dada a precariedade actual do convenio no seu conxunto. 

 Para as centrais sindicais este bloqueo patronal só busca atrasar e evitar a necesaria actualización dos salarios, que xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario