17 de out. de 2023

TOMIÑO

Puri Ameixide desentraña no Outono de Libros a súa homenaxe ás grandes novelas decimonónicas  

 A escritora e profesora do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño estará este venres 20 no mercado municipal coa súa obra ‘Claro de lúa’. Ás 20 horas, de balde  




Infogauda / Tomiño 

 Unha boa dose de humor e de amor para unha nova sesión do Outono de Libros este venres 20 de outubro, a partir das 20.00 horas, no Mercado Municipal de Tomiño. O evento - que vai dirixido a todos os públicos - será de balde.  A escritora e profesora do IES Antón Alonso Ríos Puri Ameixide presenta esta semana a súa obra ‘Claro de lúa’, unha homenaxe ás grandes novelas decimonónicas ambientada a comezos do século XIX na Guarda e a súa contorna.  

 Neorromanticismo miñoto que sorprende ao lector e lectora cos ecos de Jane Austen, Charlotte Brönte, Leon Tostoi ou Otero Pedrayo que a escritora agocha entre as súas páxinas, reminiscencias arroupadas polo piano da famosa sonata de Beethoven. Unha novela no que Ameixide despregou abondosas pontes referenciais a nivel histórico, político, literario, musical... para dar vida a unha novela que pode acadar distintas lecturas segundo a experiencia do público.  

 Trátase dun relato costumbrista que recolle a vida tranquila na vila mariñeira da Guarda. Nela, Rosa, unha rapaza orfa e pobre, ve morrer á anciá señora á que coidaba e sente que todo o seu mundo se derruba. Un forasteiro, don Leandro, chega para facerse cargo da herdanza da muller e pouco a pouco aprenderá a valorar as bondades do lugar, das xentes e do tipo de vida que alí se lle ofrece, polo que decide quedar. Os traballos e os días, os amores e desamores, parecen dirixirse cara a un final feliz cando se produce a invasión francesa. O paso das tropas napoleónicas pola vila afectará as súas vidas para sempre.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a participar nesta terceira sesión do Outono de Libros, unha iniciativa “coa que queremos destacar a importancia que ten a creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade e facelo dando tamén a coñecer a tomiñeses e tomiñesas ás e aos novelistas que teñen ao seu carón, como é a propia Puri Ameixide, docente no noso instituto dende hai moitos anos”.     

Ningún comentario:

Publicar un comentario