17 de out. de 2023

O ROSAL

O Rosal traballa na análise dos usos enerxéticos nos fogares  

 Ao abeiro do desenvolvemento dunha comunidade enerxética, o Concello lanza unha enquisa á veciñanza para coñecer o tipo de consumo enerxético de rosaleiros e rosaleiras 

 

Foto. C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa avanzando para promover as enerxías renovables no eido local. Ao abeiro do proxecto pioneiro para a posta en marcha dunha comunidade enerxética no municipio, o Concello ten aberta á veciñanza unha enquisa sobre o uso da enerxía nos fogares rosaleiros,  

 Trátase dunha lista de dez preguntas que se responde en apenas uns minutos en liña que permitirá analizar o tipo de consumo enerxético de rosaleiros e rosaleiras. Como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, trátase “dun paso máis para traballar man a man entre todas e todos para avanzar desde o local no camiño das enerxías limpas, un dos grandes compromisos do Goberno municipal”. 

 O Concello do Rosal foi unha das cinco entidades galegas beneficiadas pola axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica para crear unha Oficina de Transformación Comunitaria que impulse as comunidades enerxéticas que permitan acadar determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencia fronte a fortes convulsións do mercado enerxético.  

 Por outra banda, O Rosal tamén se adheriu ao proxecto EC4RURAL da Universidade de Vigo, unha iniciativa que busca desenvolver novos mecanismos de apoio ás comunidades enerxéticas nos espazos rurais. Financiada con fondos europeos a través do programa LIFE, busca impulsar a creación destas comunidades no rural, así como mellorar a colaboración entre Concello e veciñanza, a concienciación social e a formación en desenvolvemento enerxético comunitario, ademais de promover a participación cidadá e decisións de investimento flexibles e viables en enerxías renovables. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario