Aberta a convocatoria para a quinta edición do Premio Internacional de Investigación en Cardioloxía Ramiro Carregal
• O galardón está dotado con 30.000 euros e está destinado á investigación das enfermidades valvulares cardiacas
• Poderán presentarse candidaturas dende hoxe ata o 11 de decembro de 2023 a través da páxina web do premio, onde se poden consultar as bases e toda a información do mesmo
Rebeca Santomé / Santiago de Compostela
A partir de hoxe pódense presentar candidaturas á quinta edición deI Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía dotado con 30.000 euros e galardón acreditativo. O prazo de presentación de proxectos estará aberto ata o 11 de decembro deste ano 2023, tal como sinalan as bases publicadas na web premioramirocarregal.com/cardiologia, onde se pode consultar toda a información relativa ao mesmo así como descargar os modelos de solicitude necesarios para optar ao galardón.
O empresario galego mantén o seu firme compromiso coa investigación e a sanidade ao convocar unha nova edición deste galardón creado no ano 2018 que supuxo un paso máis na súa aposta polo mecenado no que xa contaba con destacadas accións, como un premio á investigación oncolóxica. O presidente de Frinsa insiste en que é "un deber de toda a sociedade apoiar a investigación e a sanidade, debido a que de ambas nos beneficiamos todos antes ou despois".
Este Premio Internacional de Investigación en Enfermidades Valvulares Cardíacas convócase xunto coa Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago que preside a doutora Eloína Núñez. O presidente executivo do Xurado é o Dr. José Ramón González Juanatey, catedrático de Cardioloxía e xefe do Grupo de Investigación en Cardioloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), cunha destacada traxectoria profesional en ámbito nacional e internacional.
Edicións anteriores
O traballo que resulte gañador desta quinta edición sumarase aos catro anteriores que supuxeron un importante avance no ámbito da investigación das patoloxías e tratamentos destinados ás válvulas cardíacas.
A última edición premiou o “Estudo de marcadores prognósticos na insuficiencia tricuspídea (IT) significativa na era do tratamento percutáneo" do equipo liderado pola Dra. Amparo Martínez Monzonís. Este premio sumouse aos recibidos anteriormente polos equipos liderados polos doutores e investigadores Diego López Otero, Carlos Pena Gil e Moisés Rodríguez-Mañero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario