O BNG pide a implicación da Xunta para salvar os máis de cen postos de traballo de Madera Fiber Technologies, de Porriño
• Cristina Fernández Davila reclama a Industria que reciba axs traballadorxs e colabore na busca de inversores que permitan manter a unidade produtiva
• Denuncia a trama internacional para vender a empresa por un euro a un terceiro insolvente e evadir así a responsabilidade económica, desprestixiando a firma
Infogauda / Santiago de Compostela
A deputada do BNG, Cristina Fernández Davila vén de presentar unha batería de iniciativas para instar ao Goberno do PP a implicarse activamente na busca dunha solución que permita salvar a unidade produtiva e os máis de cen postos de traballo de Madera Fiber Technologies (ex Faurecia Interior Systems). En concreto, solicita á Consellería de Industria que se reúna coa representación dos traballadores e traballadoras tanto como sexa necesario para coñecer a fondo a situación da planta, para a que solicitaron concurso de acredores, e incidir na busca de empresas inversoras que podan estar interesadas, conservando a unidade produtiva e o emprego.
A representante do BNG dirixe tamén as súas iniciativas á Consellería de Emprego, á que insta a mediar co fin de atopar unha solución a un conflito que se vén arrastrando dende xullo de 2021, cando o Grupo Faurecia comunicou ao comité de empresa a venda da unidade produtiva ao Grupo Callista Private Equity.
Ese foi o primeiro elo dunha cadea. Segundo explica Fernández Davila, dita venda foi materializada por un millón de euros e unha inxección de capital de case tres millóns por parte de Faurecia, que presentou aos traballadores un plan industrial para darlle viabilidade á planta do Porriño que nunca levou a cabo. Porén, “o que fixeron foi descapitalizar a planta vendendo os terreos da mesma en xullo de 2022 por un prezo inferior ao valor de mercado, de 2,4 millóns”, explica a deputada nacionalista, que denuncia como a empresa foi pasando dunhas mans a outras ata chegar á situación actual da firma, para a que foi solicitada concurso de acredores.
Seguindo o seu protocolo habitual e logo do abandono dos principais directivos ante a falta de expectativas, en febreiro de 2023 o fondo voitre alemán (Callista) abandonou a planta do Porriño cedendo os activos por 3.600 euros a unha empresa romana xestionada por Rüdiger Wisser, de RW Future Tech SRL, “que deixa claro dende un primeiro momento a súa falta de interese en xestionar a actividade e si a súa venda ou peche”, apunta na súa iniciativa o BNG.
O pasado 14 de setembro, afonda Fernández Davila, o comité de empresa foi informado finalmente polos avogados de Rüdiger Wisser que está presentado un concurso de acreedores, deixando a máis de cen familias do sur de Pontevedra sen emprego “e pondo en evidencia o doado da trama da multinacional: vender a empresa por un euro a un terceiro insolvente e evadir así responsabilidades económicas e de paso desprestixiar á empresa”, advirte a deputada de Ponteareas.
Cristina Fernández Davila subliña ademais que existe un informe de Inspección de Traballo, xa transmitido ao Xulgado do Social n. 7 de Vigo, que conclúe que houbo cesión ilegal dos postos de traballo a través da subrogación con ambas empresas compradoras.
“E mentres acontecían todos estes fitos, Faurecia seguía implicada cos provedores e todo o material, equipos informáticos e soporte técnico empregados, seguían sendo da empresa”, engade.
O comité de empresa, salienta finalmente, ten solicitado xa a implicación das diferentes administracións publicas para tentar darlle viabilidade á empresa e continuar así nos seus posto de traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario