20 de out. de 2023

A GUARDA

O Concello de A Guarda presenta Outono Teatral 2023

 Unha programación de teatro pensada para todas as idades   




Infogauda / A Guarda 

 Como cada ano, o outono na Guarda é sinónimo de teatro, xa que é neste último trimestre do ano cando se concentra a programación cultural adicada as artes escénicas. Cinco serán as representacións que acollerá o Centro Cultural entre os meses de outubro a decembro con tres títulos adicados ao público infantil e familiar e dúas pensadas para público adulto e xuvenil. As propostas foron escollidas de entre as principais compañías teatrais galegas na procura de amosar as últimas novidades e velando sempre por atraer a máxima calidade.  

 O ciclo comeza o vindeiro sábado 28 de outubro ás 18:00h., coa representación “O Secuestro da Bibliotecaria”, pensada para público familiar con motivo da celebración do Día das Bibliotecas. Esta representación correrá a cargo da compañía Sarabela Teatro, que con mais de corenta anos de traballo ás súas costas, forman parte indisoluble da historia do teatro galego. “O Secuestro da Bibliotecaria” cóntanos a historia da señorita Ernestina, a fermosa bibliotecaria da vila de Parangón, cando é secuestrada por uns bandidos xerando un caos cultural na vila.   

 O ciclo continuará o 4 de novembro ás 20:30h, coa representación da obra teatral “As Alumnas”, que vén de recibir o Premio Nacional de Literatura Dramática. “As Alumnas”, trata a historia de dúas alumnas da pedagoga María Barbeito, que se volven a atopar en 1970 trala morte da súa mestra, lembran a infancia e o  mundo que lles abriu  antes de que o Comité de Depuración afastase a María do seu traballo na escola. Elvira e Rosa son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo como as decisións marcan o destino de cada quen, e o medo, e a rebeldía. Ademáis deste percorrido íntimo, os temas centrais da obra, son a memoria histórica, a educación e o retroceso que esta sufriu nos anos posteriores á Guerra Civil.   

 Para público adulto e xuvenil o sábado 25 de novembro, ás 20:30 h, seguirálle a función “Iphixenia na porta do súper”, un monólogo actual que fala das consecuencias dos recortes sociais a través da vida da súa protagonista, unha moza de barrio que pasa os días nun bucle de alcol e apatía rondando as rúas da súa vila. Interpretada maxistralmente por Alba Caneda, a súa personalidade magnética e directa amosa sen filtros e con humor os dilemas da protagonista na súa particular historia de amor-desamor, nas decisións que lle seguen e as consecuencias finais as que se ve abocada polos recortes sociais.    

 Para o público infantil e familiar as representacións continuarán o sábado 11 de novembro, ás 18:00 h, e o sábado 16 de decembro, ás 18:00 h, coas funcións “Hugo” - que nos relata unha bonita historia de amizade dende a óptica dun neno con síndrome do aspecto autista - e “Abracadáver”, un espectáculo de circo terroríficamente divertido, pensado para  desfacerse dos medos a través do clown, malabares, escapismo, rulo, acordeón, serrucho,..,. todo á disposición dun actor preparado para levar a cabo o seu Abracadaver...   

 Toda esta programación conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2023 e do programa Tornar ás Táboas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario