BALONMÁN
DHF
O Mecalia Atlético Guardés busca a súa primeira vitoria como visitante en Elda
• Este sábado, ás 17:00 horas, enfrontarase ao Elda Prestigio no partido estrela da xornada 7)
• A extremo Nerea Solares, baixa indefinida por motivos de saúde
• Cristina Cabeza: “Somos conscientes de que é un partido moi complicado”
Redacción / Deportes
Tras o parón de seleccións, o Mecalia Atlético Guardés volve á carga. O conxunto de A Guarda partiu onte pola noite cara á localidade alacantina de Elda. Alí enfrontarase este sábado día 21, ás 17:00 horas, na Cidade de Elda Florentino Ibáñez, ao recentemente ascendido Elda Prestigio, no que será o partido estrela da xornada 7 da liga Guerreiras Iberdrola. Poderá verse en directo por Teledeporte.
O conxunto do Baixo Miño buscará colleitar a súa primeira vitoria a domicilio. E é que, a pesar de que na Sangriña mantense invicto, nos tres envites fóra de casa non foi capaz de sumar ningún punto. Tentará facelo contra o equipo alacantino, 10º na táboa —catro posicions por baixo do Mecalia Atlético Guardés— que só gañou un encontro. Ambos os equipos xóganse moito: o Elda, saír dos postos de descenso; o Mecalia Atlético Guardés, colocarse na parte alta da clasificación.
Cristina Cabeza contará con 13 xogadoras para buscar ese obxectivo. Desgraciadamente, a extremo Nerea Solares será baixa por tempo indefinido esta tempada por motivos de saúde. O club trasládalle todo o seu apoio, ánimo e forza, e deséxalle unha pronta recuperación. Así mesmo, a xogadora Julia Nuez continúa sobrepoñéndose da súa lesión no cruzado e prevese que se incorpore a principios do ano que vén.
O encontro será un partido especial para a gardameta Estela Carrera, que volve á súa cidade natal, así como para a extremo Elena Amores, que se enfrontará ao equipo que foi a súa casa antes da súa chegada ao Mecalia Atlético Guardés. O persoal tivo un último adestramento hoxe, en terras alacantinas, para xestar o encontro.
Cristina Cabeza: “Somos conscientes de que é un partido moi complicado”
Cristina Cabeza fai balance da preparación do persoal tras o parón de seleccións: “Esta semana adestramos moi ben”. E é que, o equipo debe anticiparse a un partido que pode resultar difícil: “Somos conscientes de que é un partido moi complicado. É un equipo recentemente ascendido, pero todos os que xogaron alí sufriron moito para conseguir a vitoria. O máis recente, o Bera Bera, que só gañou de un”, sinala.
En palabras da adestradora madrileña: “Elda é un equipo moi compensado en todas as liñas. Como sempre, imos necesitar 60 minutos de máxima concentración”. A clave está en “xogar as nosas bases” nun encontro que, ao seu xuízo, “estará moi rifado”.
O obxectivo é claro: conseguir a primeira vitoria como visitantes. “É algo que temos pendente aínda”, conclúe.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola
Partido estrela da Xornada 7
Elda Prestixio – Mecalia Atlético Guardés |
Sábado, 21 de outubro, ás 17:00 horas
Pavillón Ciudad de Elda Florentino Ibáñez
Ningún comentario:
Publicar un comentario