16 de out. de 2023

A GUARDA

 LIBERDADE PARA A PALESTINA




Concentración veciñal na praza de Avelino Vicente, a prol da liberdade para a Palestina
Fotos: Santiago Baz Lomba

Infogauda / A Guarda

   Ao igual que aconteceu noutras vilas e cidades de Galicia, como A Coruña, A Estrada, Burela, Compostela, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Vigo,...; convocadas por diferentes colectivos como Mar de Lumes, Galiza por Palestina ou a Asociación Galaico Árabe Jenin, na noitiña deste luns día 16 de outubro de 2023, e baixo o lema 'Liberdade para a Palestina', unha representación da veciñanza mobilizouse en solidariedade co pobo palestino ante os ataques do Estado de Israel. 

 Dese xeito, na vila de A Guarda, máis de medio centenar de persoas concentrouse na praza de Avelino Vicente González,  reivindicando a liberdade para a Palestina. 

 “O pobo palestino está a sufrir xenocidio e limpeza étnica. Afronta, desde hai décadas, ataques contra a súa terra, a súa identidade e a súa cultura. Crimes contra a humanidade que deben ser detidos de inmediato. A maquinaria israelí de guerra e destrución viola os principios humanos máis básicos e está dirixida a civís”, indican desde as entidades organizadoras das mobilizacións.  

 Máis de 6 millóns de persoas do pobo palestino “víronse na obriga de vivir durante décadas en refuxios, na diáspora e no exilio, mentres que milleiros de persoas presas, incluídas crianzas, languidecen nos centros e campamentos de detención”, afirman as mesmas fontes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario