29 de set. de 2023

TUI

Tui reivindica a posta en valora das iniciativas locais de turismo sostible

 As entidades participantes na xornada “Oportunidades de Turismo Verde en Tui”,  puxeron o acento na calidade fronte a cantidade, e unha maior coordinación na xestión de turismo 


Mesa de relatores na xornada “Oportunidades de Turismo Verde en Tui”
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 A xornada “Oportunidades de Turismo Verde en Tui” celebrada onte no edificio Francisco Sánchez destinada a reflexionar sobre a sostibilidade turística con representantes de proxectos de boas prácticas de diferentes puntos de Galicia serviu para poñer en valor aquelas iniciativas que nacen da iniciativa local e contan coa colaboración das asociacións ou as administracións nas que se desenvolven. De feito todas as persoas  participantes coincidiron en destacar que os proxectos que nacen de abaixo arriba aínda que son máis complexos deixan un maior retorno social no territorio. Outra das cuestións que reivindicaron é unha maior coordinación entre os diferentes entes que operan nun destino tanto públicos (administracións)  como privados (asociacións ou representantes do sector) para que exista unha xestión ordenada do destino Galicia e daqueles espazos de maior tracción turística.  

 Por outra banda, na rolda de intervención expuxéronse diferentes preocupacións ou retos que se deben afrontar.  

 María Abuín da empresa Máis que Románico, que opera na Ribeira Sacra, defendeu que a sostibilidade dos territorios do rural e dos espazos naturais depende tamén de primar a calidade sobre a cantidade. E no mesmo sentido se manifestaron Leticia Castro e Andrea Menéndez, que desde a súa experiencia de artesanía e creatividade colaborativa en O Grove expresaron a súa preocupación polo turismo de consumo rápido e barato e defenderon un modelo no que as persoas visitantes disfruten da paisaxe, da tradición local, dos recursos culturais e consuman nas vilas que visitan.  

 Diego Chapela, da Fundación Juan XXIII, fixo fincapé na defensa do ocio e turismo inclusivo no que as persoas con discapacidade poidan desenvolverse profesionalmente nas diferentes actividades (guías, hostelería, atención ao público, etc) e explicou o proxecto de formación dual e recuperación do entorno do Lago de Castiñeiras para uso turístico que está a realizar a asociación.  

 A visión local sobre as oportunidades de turismo verde dérona Ricardo Da Silva e Alberto Romero (Romer), da Asociación de Muiñeiros do río Tripes, que explicaron as diferentes actividades que realizan con visitas escolares e eventos culturais e destacaron a importancia de coidar o patrimonio etnográfico e o entorno natural de Tui para poñelo ao servizo do desenvolvemento sostible.  

 Por último todas as entidades destacaron o potencial que ten o municipio de Tui para o desenvolvemento turístico do destino a través do río Miño, as diferentes sendas e os espazos naturais como recursos complementarios da potencial dun patrimonio histórico e cultural de referencia en Galicia. Neste senso a concelleira de Turismo, Ana Núñez, que pechou a xornada, destacou “o esforzo na captación de recursos para conservar e embelecer toda a zona monumental e para poñer en valor todos os recursos fluviais que serven para disfrute da cidadanía local e tamén para diversificar e desestacionalizar a oferta turística”. Ademais anunciou que se realizarán mesas de traballo e novas xornadas no ano 2024 co sector turístico e o comercio da cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario