6 de ago. de 2023

A GUARDA

IN MEMÓRIAM

XOSÉ VICENTE ROMERO


Xosé Vicente Romero
Foto: Bety Portela Ferreira


Prezado Pepe:

 Quen me ía decir, cando fai poucos días, que nos atopamos na praza Avelino Vicente, que A Parca nos ía deixar sen túa presenza e sen túa opinión sobre o cotián. E ademais, así, sen darnos tempo a facernos a idea da túa viaxe para o alén.

 Os que tivemos oportunidade de coñecerte sabemos que no interior do teu físico humano, aniñaba un espírito combativo, fraterno e solidario.

 Combativo e crítico coas inxustizas, como norma.

 Fraterno, na máis pura das acepcións, cando foi preciso.

 Solidario cos semellantes, sempre.

 Sen pedir nada en troques, ti axudaches a construir o relato do sindicalismo contemporáneo na Guarda e súa contorna. Cando os tempos eran os que eran, e recuar non estaba no guión. Con razón, os poetas Chuny Vázquez e Francisco Álvarez - Koki lembráronse de ti en sendos poemas.

 Ao botar a vista atrás, lembro túa dedicación cotiá a prol dos demais. E ti procedendo sen darlle importancia o teu meritorio labor. Facíalo como se fose para ti mesmo. E decir, do mellor xeito posible. Iso é inesquecible.

 Ainda que algúns non vían máis que a cortiza exterior que todos temos, ti eras un exemplo de compromiso coa crase traballadora. Estaba no teu foro interno e non alardeabas diso, nin de nada.

 Tiven, como sabes, oportunidade de tratar contigo día a día, semana a semana, mes a mes, ano a ano. E sei como eras e como facías o labor que tiñas asumido voluntariamente. Contigo as matemáticas eran as ciencias máis exactas. Non había espazo para o erro. E dese xeito, as contas sempre daban. Non había fallo.

 Polo teu xeito de pensar, tiñas moi claro cales eran teus referentes. Sen importarche, para nada, se as cousas, en determinados ámbitos, non saían como era teu desexo. Ti sempre estiveches onde considerabas que tiñas que estar. Non todo o mundo pode decir o mesmo.

 Do mesmo xeito podo decir da túa afección deportiva. Cando tocaba sufrir, sufrías como calquer seareiro que sinta as cores do seu equipo, e cando a cousa pintaba mellor desfrutabas cos éxitos como un máis.

 Ainda que non lle des importancia, desde hoxe mesmo botámosche de menos. Tí, ao igual que Ángel Pérez Castro "Gelito" e Miguel Ángel Sobrino Blanco formas parte do relato ao que me refería fai un intre. E tí - como Gelito e Miguel Blanco -, sempre estarás na memoria das mulleres e homes que tivemos oportunidade de coñecerte.

 Voa alto, caro compañeiro. 

 Unha forte aperta para ti e os teus.


Ricardo Rodríguez Vicente

2 comentarios:

  1. Grazas por esas sentidas palabras.

    ResponderEliminar
  2. Descanse en paz Pepiño, que vai por diante de nós, e deixa pegada do seu paso pola vida.

    ResponderEliminar