11 de maio de 2023

O ROSAL

O Rosal cóidase para previr enfermidades  

A unidade móbil do programa ‘Coidados porta a porta’ estará os días 22, 23 e 24 de maio ao abeiro do centro de saúde  

Estará acompañado por unha charla sobre a vixilancia do oído o luns 22 ás 19.00 h no auditorio municipal  




Infogauda / O Rosal

 A unidade móbil do programa ‘Coidados porta a porta’ chega este mes ao Rosal para achegar servizos asistenciais ás persoas maiores que viven no rural e previr así diferentes enfermidades que poden chegar a causar dependencia. Os días 22, 23 e 24 de maio esta unidade estará situada a carón do centro de saúde para atender a aquelas persoas que queiran realizar algunhas das revisións que ofrece.  

 En sesións concertadas de ata 45 minutos, os rosaleiros e rosaleiras poderán asistir ao servizo de podoloxía, onde se fará unha consulta básica con valoración do estado xeral do pé, con corte e limpeza de unllas e eliminación de durezas, callos e helomas. Ademais poderán acudir á consulta de audioloxía, na que se fará unha valoración exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva. Por último, haberá tamén un servizo de estimulación da memoria, na que se realizará unha valoración cognitiva e na que se achegarán pautas para previr e diminuir posibles deterioros. 

 As persoas interesadas en asistir a calquera destes servizos deberán solicitar cita previa chamando aos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992 ou enviando un correo electrónico ao enderezo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. 

‘Coidado do oído e prevención de complicacións’

 Para completar a visita da unidade móbil, o luns 22 o auditorio municipal acollerá a charla ‘Coidado do oído e prevención de complicacións’, un encontro impartido pola persoa responsable do servizo de audioloxía da unidade móbil do programa ‘Coidados porta a porta’. A charla será ás 19.00 horas con entrada de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario