11 de maio de 2023

O ROSAL

José Carlos Martínez Crespo presentou a candidatura do PSdeG-PSOE no Rosal 

Foi onte mércores, día 10 de maio, ante unha abarrotada sala de exposicións, nos baixos do Concello. 


José Carlos Martínez Crespo, candidato á alcaldía do Rosal polo PSdeG-PSOE
Vista das persoas participantes na presentación da candidatura do PSdeG-PSOE 


 Infogauda / O Rosal

 Despois da asemblea da agrupación local, celebrada no mes de abril, na que se levou a votación a aprobación da proposta de candidatura de cara aos comicios electorais do 28 de maio; o candidato á alcaldía do Rosal polo PSdeG-PSOE, José Carlos Martínez Crespo, deu a coñecer aos integrantes da candidatura que encabeza. Foi nun acto público que tivo lugar onte mércores, día 10 de maio na sala de exposicións, nos baixos do Concello. 

 Nese acto interviron o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; o secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades; e o candidato a alcaldía do Rosal, José Carlos Martínez Crespo. Estiveron acompañados polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a deputada Leticia Gallego; a candidata en Tomiño, Violeta de Santiago; o candidato de Oia, Gerardo Rodríguez Refojos, e militantes da comarca do Baixo Miño.

 Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, falou do candidato como unha persoa responsable, moi formada e de gran disposición para temas municipais, engadindo que é moi válido para encabezar a lista dos socialistas do Rosal. 

 O delegado de Zona Franca de Vigo, David Regades, puxo de manifesto os grandes logros dos socialistas galegos, devolvendo a moitos galegos a súa dignidade, cun traballo a prol da cidadanía en cada pobo e en cada cidade ante os grandes recortes e ás políticas caciquís do PP. 

 José Carlos Martínez Crespo iniciou a súa intervención agradecendo o apoio amosado por toda a familia socialista, indicando que iso demostra a unión e o traballo en equipo que caracteriza sempre ao PSdeG-PSOE. Asemade, o candidato á alcaldía presentou aos asistentes as persoas que integran á candidatura dos socialistas do Rosal, nas vindeiras eleccións. 

 José Carlos agradeceu a complicidade e a aposta decidida polo cambio que precisa O Rosal nestes intres, animando á súa candidatura indicando que “temos moito que facer polo Rosal” e “a nosa lista é o noso forte para chegar a toda a cidadanía do Rosal”. 

 O candidato a Alcaldía do Rosal polo PSdeG-PSOE engadiu: “Temos un equipo listo e preparado para representar aos socialistas do Rosal de cara aos vindeiros comicios electorais de maio de 2023. Estas eleccións son decisivas para os socialistas e para O Rosal”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario