25 de abr. de 2023

GONDOMAR

Presentación do libro “De Compostela ao exilio interior”. Francisco Fernández del Riego 

 O venres día 28 de abril, ás 20:30 h., no local do IEM (Aula Ponte de Rosas - Gondomar) 




Infogauda / Gondomar  

  Como é de dominio público, o protagonista do Día das Letras Galegas deste 2023 é Francisco Fernández del Riego. 

 Ao fío desa merecida homenaxe - que comprenderá máis aló do marco cronolóxico do 17 de maio - o Instituto de Estudos Miñoráns convida á presentación do libro   “De Compostela ao exilio interior”. Francisco Fernández del Riego, da autoría de Antón Mascato. Será o vindeiro venres día 28 de abril, ás 20:30 h., no local do IEM (Aula Ponte de Rosas - rúa da Feira, nº 10), en Gondomar.

 Esta obra de Antón Mascato –o primeiro biógrafo de Fernández del Riego–, que vén de publicar Alvarellos Editora, percorre, dun xeito divulgativo e áxil, os fitos biográficos de Fernández del Riego, apoiada nunha ampla fotobiografía do protagonista, que inclúe máis de 200 imaxes e ilustracións.     

 Un capítulo principal do percorrido vital do protagonista detense en Compostela, pois esta cidade tivo en Francisco Fernández del Riego a un dos seus veciños máis ilustres. Residente en Santiago desde 1931 ata o seu exilio interior en 1939, foron anos nos que fragua o seu coñecemento e desenvolve a súa valía, nos que amosa o seu espírito afouto e acada meritorios obxectivos intelectuais e sociais.     

 Del Riego foi membro do Seminario de Estudos Galegos, dirixente estudantil, secretario do Grupo galeguista de Santiago, fundador do Partido Galeguista, profesor na Facultade de Dereito, secretario de actas da Comisión do Estatuto de Autonomía para Galicia, activista político, colaborador de prensa, especialista en arte… e isto só na década fundamental de 1930.     

 Logo será tamén ensinante e traballador de revistas relacionadas co mar, fundador de Editorial Galaxia, refundador do Partido Galeguista, editor, director da Fundación Penzol, preso político, xerente de Artes Gráficas Galicia, académico e presidente da Real Academia Galega, ensaísta e autor dunha extensa obra de divulgación da lingua, da literatura, da cultura e da política galegas, fundador e secretario do Partido Socialista Galego, bibliófilo ou coleccionista de arte.     

 O libro chega ás librarías a finais de abril de 2023, no ano en que Galicia homenaxea a don Paco co Día das Letras Galegas, celebración que precisamente el creou en 1963. A ilustración da capa é obra de Irene Fra Gálvez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario