O decreto da Xunta para regular o persoal investigador afonda na inestabilidade laboral e abre a porta da privatización
• A CIG presentou alegacións a un proxecto de estatuto que contempla o despido aos cinco anos en caso de avaliación negativa e deixa fóra o 70% dos traballadores/as do sector
Foto: CIG
Infogauda / Galiza
A CIG presentou hoxe as alegacións achegadas ao proxecto de decreto para regular o estatuto do persoal laboral de investigación da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galiza. A central denuncia que o documento afonda na inestabilidade laboral ao contemplar o despido procedente aos cinco anos en caso de avaliación negativa, deixa fóra o 70% dos traballadores/as, xa que non regula o persoal de administración e xestión nin os ciclos formativos, e abre a porta da privatización ao permitir a entrada directa das empresas.
Na rolda de prensa celebrada esta mañá en Vigo interviron Xerardo Alvaredo, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Administración; Miguel Tizón, responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde; Ana Múñoz, presidenta do comité de empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur; e Carlos Spuch, investigador senior do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
Alvaredo incidiu en que o decreto introduce unha novidade que vai máis alá do ámbito da investigación, de xeito que o persoal que faga investigación en empresas privadas vai estar regulado neste estatuto. “Isto afonda na privatización de todo tipo de servizos públicos, algo especialmente grave nalgo tan fundamental para a sociedade como é a investigación, xa que permite a entrada directa das empresas privadas”.
Ademais, baixo a suposta pretensión de “unificar e armonizar” o sistema galego de investigación o que fan é deixar fóra o persoal investigador das universidades e obrigar a todo o persoal que fai investigación- e que leva moito anos de carreira (persoal laboral, funcionario e estatutario)- a laboralizarse. “Ou te laboralizas ou quedas fóra da carreira investigadora; esta é a chantaxe que agocha este proxecto de estatuto”.
De xeito que “nin armoniza nin unifica, o que fai é privatizar e chantaxear o persoal que leva moitos anos investigando para que renuncie aos dereitos que ten adquiridos como persoal funcionario, estatutario ou laboral fixo, e acepte condicións como que en cinco anos te avalíen e te poidan aplicar un despido obxectivo con 20 días de indemnización por ano traballado”. De xeito que vai ter consecuencias “moi negativas” tanto para o propio persoal como para o conxunto da sociedade, “que vai perder toda a bagaxe investigadora que acumulan estas persoas”.
Pola súa banda, Miguel Tizón debullou as alegacións presentadas pola CIG ao proxecto de decreto, que se basean no rexeitamento da posibilidade de despido obxectivo en caso de avaliación negativa aos cinco anos, o que afondaría na inestabilidade do sistema investigador e demostraría o nulo interese da Xunta en contar cunha estrutura de investigación propio que poña en valor a investigación no noso país.
Tamén no feito de que non contempla o 100% do persoal investigador tal e como o define a Lei da Ciencia, xa que deixa fóra os tanto os ciclos formativos (superiores e medios) como todo o que ten que ver coa xestión e a administración. “Nós entendemos que hai distintos tipos de persoal: o investigador, que é o que xera as ideas, mais tamén o de apoio e o de xestión, colectivos todos eles importantes para poder levar a cabo o proceso”, segundo sinalou Ana Muñoz.
Outra cuestión que a CIG lamenta é que se perda a oportunidade de ofertar contratos de estabilidade (fixo na administración), apostando polos de “actividades científico técnicas”, ligados en xeral ao financiamento externo (da industria, principalmente). “Polo que a Xunta aposta por persoal de usar e tirar”.
Segundo censurou Tizón, o proxecto vulnera o dereito de negociación colectiva e establece unhas condicións salariais que non teñen por que mellorar o que se debera negociar en cada ámbito. Ao mesmo tempo, trátase dunha norma completamente deficiente a respecto da perspectiva de xénero e na igualdade entre mulleres e homes. E tampouco se incorporan diversas figuras ligadas á investigación no ámbito sanitario na estrutura do Sergas.
Finalmente, Carlos Spuch sinalou que a parte positiva do proxecto de decreto é que despois de moitos anos “por fin estamos a negociar un estatuto para regularizar a carreira científica”, pero lamentou que contempla moitos problemas que teñen que ser arranxados.
Entre eles, o xeito de como se pretende facer a avaliación do persoal. “Queren que unha avaliación negativa supoña o despido automático, cando dende o punto de vista da neurociencia isto non ten sentido, porque se queres motivar a unha persoa tes que facer todo o contrario, dar estímulos positivos, que no caso do persoal investigador sería a carreira científica (trienios, quinquenios, sexenios, algo que non existe na actualidade no noso ámbito). Ademais, entende que este sistema tería que combinarse ou ben con salario moi altos (“para que a xente se aventure á posibilidade de ser despedida”) ou explicando de que xeito se pode pasar a avaliación, “algo que non queda claro con este decreto”.
Por todo isto, a central sindical decidiu as correspondentes alegacións e iniciará as medidas oportunas para lograr a paralización do decreto, ai tempo que lle traslada todo o seu apoio ao persoal de investigación e ás asociacións do sector que denuncian cuestións como as que a CIG está a poñer sobre a mesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario