19 de mar. de 2023

A GUARDA

"Alma": da xénese artística a solidez da obra final 

 José Luis Correa, artista multidisciplinar, expón na Casa dos Alonso ata o día 30 de marzo


José Luis Correa - no centro - nun momento da súa intervención no acto de apertura da exposición que presenta na Casa dos Alonso
Fotos: C.A.G.

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Motivado polo desexo de coñecer ao autor, xa que dalgunhas das súas creacións tiñamos constancia; este cronista asistiu motu propio á inauguración da exposición multidisciplinar (debuxo, escultura e talla en madeira) de José Luis Correa.

 Cando autoridades municipales do Rosal e de A Guarda, amizades, familiares e veciñanza da contorna accedemos o vestíbulo da Casa dos Alonso, ollamos como as diferentes obras que forman da exposición "Alma", estaban ocultas, é decir, tapadas cuns panos brancos - as esculturas - e con papeis - os debuxos -. Foi unha maneira eficaz de manter á expectación do respectable público, ata o momento oportuno. Dese xeito, a xente non se dispersou pola sala, e todos estivemos pendentes do que ía acontecer, prestando atención a todo o que alí se dixo. En primeiro lugar, as verbas que a xeito de benvida expresou Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Cultura, do Concello de A Guarda, que, en primeiro lugar agradeceu a disposición de José Luis Correa para expór nese lugar que foi concebido para ese fin. A continuación deu conta que o alcalde non podía asistir a ese acto, como houbera sido seu desexo, xa que debido ao falecemento de súa nai nesa data, non podía estar presente.

 Trala intención da concelleira de Cultura, fixo uso da palabra José Luis Correa, para dar paso á actuación dunha violinista que interpretou unha peza musical que ao remate da mesma, o público premiou con merecidos aplausos.

 A continuación, José Luis Correa convidou a que a xente desvelase as obras expostas, e seguidamente fixo unha primeira intervención na que agradeceu ao Concello de A Guarda por permitirlle expoñer na Casa dos Alonso, e a todas as persoas das que recibiu formación artística, salientando que Alicia Alonso, é a persoa que máis influíu nos seus comezos. Tamén mencionou ao escultor Magín Xulio Picallo Durán, con quen aprendeu a traballar á pedra, así como as técnicas de modelado escultórico; a Pablo Eduardo, co que iniciouse na talla en madeira; e a Amelia Alfaya, en restauración e pátinas.






 Momentos despois, fixo o que podemos denominar unha visita guiada, deténdose diante de cada unha das súas obras e explicando como foi o momento primixenio de cada unha delas, así como as motivacións e os procesos de búsqueda que o levaron a realizar cada unha delas. 

 En calquer caso, o que para nós é o máis importante, non é tanto o relato que de cada obra José Luis Correa nos ofreceu, dun xeito - dito sexa en honor á verdade - totalmente coloquial e sincero, senón cada unha das obras que presenta. Porque son elas - especialmente os debuxos, e tamén as esculturas e tallas - as que falan con total rotundidade da gran valía deste artista que presenta unha solidez digna de todo encomio. 

 Estamos referíndonos a un autor que tanto afronta a execución de retratos, como doutro tipo de propostas, nas que a presenza humana é practicamente unha constante. Pode ser a ollada dun picariño, que desde o interior dunha fráxil cabana olla cara o exterior, ou unhas mans que protexen a un parrulo salvaxe - e ao mesmo tempo feble -, que precisa coidados especiais para procurar que saia adiante. 

 José Luis Correa sabe ollar e procura atopar a inspiración esté onde esté. Mesmo nas páxinas dunha revista, que olla mentres toma un café na outra beira do Miño, poñamos por caso. A emoción pode estar en todo o que nos arrodea. Mesmo na auga que quedou prendida na face dunha folla de berza da horta. Trasladar esa beleza efémera a un papel, mediante un lapis, e lograr súa pervivencia no tempo, é arte. 

 E na exposición "Alma", de José Luis Correa, hai moita arte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario