BALONMÁN FEMININO
COPA DE EUROPA EHF
O Mecalia Atlético Guardés dá o primeiro paso cara á final tras gañar en Elxe (22-23)
• O equipo do Baixo Miño callou unha firme actuación colectiva, chea de compromiso e entrega
• A solidez defensiva volveu ser clave nun encontro pechado e con alternativas
• Patrícia Lima, que volvía de lesión, fixo nove goles e Sandra Santiago cinco, tres deles consecutivos nos últimos minutos do encuentro
• Míriam Sempere volveu brillar e foi clave con dous penaltis detenidos
• O encontro de volta, o sábado na Sangriña (19:30), coa primeira final continental do balonmán galego en xogo
Infogauda / Deportes
O Mecalia Atlético Guardés deu este domingo un importante paso cara ao seu soño. Fíxoo cunha traballadísima vitoria na pista do Elxe (22-23), que lle permite comezar cun gol de vantaxe a resolución das semifinais da Copa Europea, o vindeiro sábado na Sangriña. Un triunfo baseado novamente no alto rendemento defensivo e no compromiso coral de todo o equipo que cristalizou en nove goles de Patrícia Lima e en tres consecutivos nos últimos minutos de Sandra Santiago. O equipo de Ana Seabra fixo a primeira metade do traballo. O sábado, ás 19:30 horas, terá que completalo. En xogo, a primeira final continental da historia do balonmán galego.
O factor ambiental deixouse notar nos primeiros compases. O animoso público ilicitano impulsou ás súas xogadoras ante unhas visitantes algo tímidas. Como resultado, un 4-1 de parcial. Pero a consistencia deste Mecalia Atlético Guardés aguanta o que sexa. Tamén a súa convicción. Aos poucos, o conxunto de A Guarda asentouse en defensa, Míriam Sempere empezou a producir baixo os paus para equipararse coa súa homóloga na portería contraria, Nicole Morais, que empezou o duelo con moito acerto. Unha arrancada visitante provocou un parcial de 2-7 para poñerse por diante.
O demoledor poder destrutivo de Sandra Santiago, a velocidade no pivote de Cris Cifuentes primeiro e África Sempere despois, a electricidade de Pauli Fernández. Todo sumaba. Pero é nestes partidos onde Patrícia Lima está na súa salsa. A central internacional portuguesa forzou para axudar ao equipo desde dentro da pista e aínda recentemente recuperada dunha forte escordadura de nocello, callou un partido extraordinario. Cando máis apertaba o equipo local, anotou varios goles seguidos con lanzamentos en apoio.
Pero foi na segunda parte cando a de Matosinhos desatouse. Unha actuación portentosa elevou a súa cifra goleadora aos nove tantos, ademais dun notable labor defensivo e de dirección. A pesar de todo, o Elxe seguía en partido. O conxunto ilicitano recortou tres goles de desvantaxe ao final do primeiro acto e no arranque do segundo soubo aproveitar á perfección os momentos de superioridade numérica para lograr vantaxes. Iso si, sen pasar nunca dun gol.
Chegados os dez minutos finais, parecía claro que, fora cal fora o resultado, ía ser axustadísimo. A Sangriña ditará sentenza. Quizais por esa igualdade, era importantísimo rascar de onde se puidese. Un roubo e un gol nun minuto por parte de Daniela Moreno foi o disparador. Logo chegou a terceira exclusión de Do Nascimento e a irrupción de Sandra Santiago no momento clave. A de Águeda asumiu a responsabilidade con dous goles seguidos desde os sete metros e un máis en penetración. Antes, na outra portería, Míriam Sempere detivera outros tantos penaltis. Coa súa actuación e a da defensa, o Mecalia Atlético Guardés aguantou e selou unha vitoria pola mínima, pero vitoria á fin e ao cabo. O sábado que vén, a resolución na Sangriña.
AtticGo Elxe-Mecalia Atlético Guardés (22-23)
AtticGo Elxe (12+):
Nicole Morais (p.); Zhukova (1), Van Zijl (3), Oppedal, Celia Guilabert (1), Patri Méndez (3), Nuria Andreu, Pamela Rodrigues (p.), Clara Gascó (2), María Flores (3), Zaira Benítez (2), Elena Martínez (2), Pipy Wolfs (1), Paola Bernabé (3), Alexandra do Nascimento (1) e Raquel Morei.
Mecalia Atlético Guardés (12+):
Míriam Sempere (p.); África Sempere (2), Sandra Santiago (5), Giselle Menéndez (1), Carolina Silva, Pauli Fernández, Marisol Carratú (p.), Cris Cifuentes (3), Celia López, Elena Amores (2), Carla Gómez, María Sancha e Daniela Moreno (1).
Marcador cada cinco minutos:
2-0, 4-2, 5-6, 7-8, 9-11, 12-12 (descanso); 13-14, 15-15, 16-16, 19-18, 20-20, 22-23 (final).
Árbitras:
Barbora Bocakova e Lucia Janosikova (Eslovaquia). Expulsaron por tripla exclusión a Alexandra do Nascimento, do Elxe (min. 57). Excluíron con dous minutos ás locais Celia Guilabert (2), Zaira Benítez e Pipy Wolfs e ás visitantes Estefanía Descalzo, Celia López, Carla Gómez e María Sancha.
Incidencias:
Partido de ida das semifinais da Copa Europea, disputado no Pavillón Esperanza Lag, de Elxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario