19 de mar. de 2023

MAR

O diálogo coas confrarías e as principais asociacións de bateeiros permite a apertura de novas zonas para a extracción de mexilla ata acadar os 22 quilómetros adicionais na última semana  

 A Consellería do Mar autorizou hoxe novos espazos pertencentes ao ámbito territorial das confrarías de A Guarda e O Grove que se suman aos decretados esta semana en zonas da Coruña, Lorbé, Corme, Muros, Laxe, Caión e Muxía 


Mexilla
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería do Mar autorizou hoxe a apertura de novas zonas para a extracción de mexilla -semente de mexillón-, con carácter extraordinario e conxuntural, pertencentes ao ámbito territorial das confrarías da Guarda e O Grove durante a presente campaña. Con esta nova medida, que se suma ás adoptadas esta mesma semana na provincia da Coruña –referentes ás confrarías da Coruña, Lorbé, Corme, Muros, Laxe, Caión e Muxía– ábrense máis de 22 quilómetros adicionais de costa á extracción de mexilla para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría rexistrada este ano.

 Trátanse de medidas froito do diálogo da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica cos representantes das principais organizacións de produtores de mexillón de Galicia (Opmega, Amegrove e Socomgal) e as confrarías de pescadores, polo que foron adoptadas tomando como base as propostas razoables e viables remitidas por estas entidades nas últimas semanas á Consellería do Mar.

 Esta apertura de novas áreas de traballo na provincia de Pontevedra será un feito xa a partir de mañá luns para así dispor destas zonas no período de baixamar e, por tanto, en condicións óptimas para a extracción da mexilla.

 A Xunta quere agradecer unha vez máis o talante e compromiso coa busca de acordos mantido desde o primeiro momento tanto por parte das entidades do sector mexilloeiro -que fixeron distintas propostas á Administración- como das federacións de confrarías de pescadores, que mostraron a súa empatía e solidariedade coa difícil situación actual pola falta de recurso.

 A Consellería do Mar segue apostando pola vía do diálogo coa finalidade de que as decisións que se adopten sexan equilibradas cos intereses dos dous sectores implicados garantindo ao mesmo tempo unha explotación sustentable dos recursos. Neste sentido, continuará mantendo reunións coas dúas partes para tratar de evitar desencontros e velar pola convivencia de ambas actividades.

Medidas previas

 Esta estratexia permitiu que nas últimas semanas se adoptasen outras medidas para facer fronte á falta de cría como a posta a disposición do sector de máis de 130 quilómetros de costa -120 nos portos e arredor de 12 en zonas dependentes de cinco confrarías-, a ampliación do número e lonxitude das cordas colectoras que se instalan nas bateas de mexillón e a posibilidade de autorizar tamén as cordas colectoras en bateas de reparqueo ou de cultivos de ostra.

 A estas medidas para o curto prazo engádense outras para o medio e longo prazo como distintas investigacións -cun investimento de máis de dous millóns de euros- para avanzar no coñecemento da abundancia de mexilla no litoral de Galicia, na captación de semente por distintos medios e na produción en criadeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario