10 de out. de 2025

DEPORTES

BALONMAN FEMININO

O Guardés xogará a terceira rolda da EHF European Cup integramente en Bulgaria 

Os dous encontros de ida e volta entre o equipo miñoto e o HC Byala disputaranse na localidade búlgara a fin de semana do 8 e 9 de novembro tras confirmarse un acordo entre ambas entidades 

O Guardés alega que a falta de apoios económicos impide ao Club custear a viaxe a Bulgaria para disputar un único partido ou traer a eliminatoria completa á Sangriña 

A ida será o sábado 8 ás 14.00 hora local (13.00 en España) e a volta, o domingo 9 ás 16.00 búlgaras (15.00 en España) 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés concreta os detalles do seu regreso a Europa. Este venres, o Club confirmou que xogará a eliminatoria íntegra da terceira rolda da EHF European Cup, composta por dous encontros de ida e volta, a domicilio en Bulgaria durante a fin de semana do 8 e 9 de novembro. 

 Tras chegar a un acordo co HC Byala, o equipo miñoto preferiu aproveitar a viaxe ao país balcánico para disputar a eliminatoria ao completo, xa que non había posibilidade de traer os dous partidos á Sangriña por falta de recursos e era economicamente inviable celebrar a ida e a volta en cadansúa localización. 

 En palabras do propio Club, debido á falta de axuda económica institucional e privada, viuse na obriga de aceptar o acordo proposto polo HC Byala. O Guardés lamenta o prexuízo que a decisión trae para a súa propia afección, pero promete buscar un bo rendemento na rolda e poder así traer un partido europeo posterior a casa. 

 Así, o Mecalia xogará a terceira rolda da EHF European Cup en dúas xornadas consecutivas a domicilio: o partido de ida será o sábado 8 ás 14.00 hora local (13.00 horas en España), e a volta celebrarase o domingo 9 ás 16.00 (15.00 españolas). Ambos terán lugar no OZK Arena da cidade de Byala, polo que o rival exercerá de anfitrión por partida dobre. 

 Este cambio afecta, ademais, ao calendario ligueiro, pois o partido de décima xornada da Liga Guerreras Iberdrola previsto para o mesmo sábado, no que as de Ana Seabra recibirían ao Atticgo BM Elche, trasladarase previsiblemente ao mércores 5 de novembro, en horario aínda por confirmar pola Real Federación Española. 

 A modificación condensa a axenda guardesa, que vive nestes momentos un parón de actividade de dúas semanas no que terá que preparar un mes máis que axetreado. Debido ás concentracións internacionais e á coincidencia coa competición europea para outros equipos, os encontros das xornadas 6 e 7 pospuxéronse á semana do 20 de outubro. Así, entre aprazamentos e Europa, tras este descanso o Guardés deberá afrontar unha aglutinación de sete partidos en tres semanas, incluíndo viaxes por estrada e continentais, o que sen dúbida preséntase coma un momento crucial para o futuro da tempada miñota.   

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 6 

Mecalia Atlético Guardés – Replasa Beti-Onak 

Mércores, 22 de outubro | 20.30 horas | Pavillón A Sangriña  

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 7 

Costa del Sol Málaga – Mecalia Atlético Guardés  

Sábado, 25 de outubro | 19.00 horas Pavillón José Luis Pérez Canca 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 8 

Mecalia Atlético Guardés – Caja Rural Aula Valladolid 

Mércores, 29 de outubro | 21.00 horas | Pavillón A Sangriña 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 9 

Conservas Orbe Zendal BM Porriño – Mecalia Atlético Guardés 

Domingo, 2 de novembro | 13.00 horas  | Pavillón Municipal de Porriño | Retransmitido en directo por Teledeporte 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 10 

Mecalia Atlético Guardés – Atticgo BM Elche | 

Mércores, 5 de novembro | Horario por determinar | Pavillón A Sangriña 

EHF European Cup | Ronda 3 – Ida  

HC Byala – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 8 de novembro | 14.00 hora local (13.00 hora española)   | OZK Arena  

EHF European Cup | Ronda 3 – Volta 

HC Byala – Mecalia Atlético Guardés 

Domingo, 9 de novembro | 16.00 hora local (15.00 hora española)  | OZK Arena

Ningún comentario:

Publicar un comentario