4 de feb. de 2023

O BAIXO MIÑO

O BNG REXEITA A IMPLANTACIÓN DA EÓLICA MARIÑA A 30 KM DA GUARDA

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso: “Estamos diante dunha ofensiva de espolio enerxético ao noso País. Producimos  xa máis enerxía de fontes renovábeis da que consumimos: 18 mil xigawatios a través de fontes renovábeis e consumimos 17 mil”


A deputada do BNG, portavoz de Pesca e Marisqueo, no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez Fernández; o deputado no Congreso, Néstor Rego Candamil; e representantes municipais dos concellos afectados de Vigo, Nigrán, Baiona, Redondela, Cangas, Oia e  A Guarda


Infogauda / O Baixo Miño

 A deputada do BNG, portavoz de Pesca e Marisqueo, no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez Fernández; o deputado no Congreso, Néstor Rego Candamil; e representantes municipais dos concellos afectados de Vigo, Nigrán, Baiona, Redondela, Cangas, Oia e  A Guarda compareceron diante dos medios de comunicación para rexeitar a implantación da eólica mariña.  

 Os nacionalistas anunciaron unha ofensiva institucional e social para declarar a prohibición de instalacións de parques de eólica mariña na costa sur de  Galiza e considerar a actividade pesqueira como prioritaria, fronte aos intereses das grandes empresas enerxéticas.   

 A viceportavoz do BNG no Concello da Guarda, Beatriz Lomba Rodríguez  declarou: “O parque Volanteiro situaríase a menos de 30 km da Guarda ameazando claramente a frota pesqueira de baixura e provocando un  impacto ecolóxico  e paisaxístico de grandes dimensións nunha zona onde o turismo é un sector económico relevante”.  

 A portavoz de pesca do BNG Rosana Pérez afirmou: “A nosa plataforma continental  non é apta para instalar este tipo de parques na que se concentra  un número elevado de embarcacións. No BNG  optamos pola potenciación do sector pesqueiro e por  un modelo enerxético con participación pública, defendendo o territorio galego. Un modelo afastado ao que defende o Partido Popular que prima os intereses das grandes empresas enerxéticas” 

 O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, enfatizou: “Estamos diante dunha ofensiva de espolio enerxético ao noso País. Producimos  xa máis enerxía de fontes renovábeis da que consumimos: 18 mil xigawatios  a través de fontes renovábeis e consumimos 17 mil”. Pola contra, Madrid ten cero megavatios de potencia instalada e cero proxectos en tramitación. “É máis fácil consumir a enerxía que produce Galiza, aguantando nós os impactos sociais e económicos, e pagando a enerxía ao mesmo prezo”   

 Rego rematou concluíndo: “Ímonos opor nas institucións, así como na rúa con todas as mobilizacións sociais que sexan precisas nas que sabemos que coincidiremos con moitos colectivos que se opoñen, a este proceso de espolio eólico que está sufrindo o noso País”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario