2 novas comunidades e 11 aperturas, así foi o 2022 para Alda Hotels
A cadea xa supera as 2.000 habitacións e os 60 aloxamentos. En 2023 espera alcanzar as 2.800 habitacións
Infogauda / Galicia
O grupo galego Alda Hotels prosegue cos seus plans de crecemento e expansión polo norte e centro peninsular da man da consultora hostaleira SH360 - Servizos Hostaleiros 360º e logrou alcanzar varios fitos no ano 2022. A firma conseguiu incrementar a súa presenza no mercado español ao engadir ao seu portfolio aloxamentos en dúas comunidades novas: Castela-A Mancha e Cantabria. Desta forma, Alda Hotels está xa presente en 7 comunidades, pois tamén conta con establecementos en Galicia, Asturias, Castela e León, Navarra e Aragón. Ademais, a compañía espera seguir sumando novas comunidades, poñendo o foco en Euskadi e A Rioxa.
A cadea conseguiu engadir á súa oferta 10 novas localizacións, algo que foi posible coa apertura de 11 novos establecementos: Alda Mercado de Zamora e Alda Ciudad de Toro, na provincia de Zamora; Alda Route 42, en Illescas, Toledo; Alda Don Carlos, en Santander; Alda Mirador del Moncayo, en Ólvega, Soria; Alda Castillo de Olite, en Navarra; Alda Vía de la Plata Rooms, en La Bañeza, León; Alda Vía Norte, no Grove, Pontevedra; Alda Santa Trega, na Guarda, Pontevedra; Alda Camiño Inglés, en Ordes, A Coruña; e Alda Fogar Natural, en Santiago de Compostela.
Ademais, Alda Hotels terminou o ano con máis de 60 aloxamentos, un dato que lle valeu para situarse no posto número 8 de cadeas hostaleiras en España en canto a número de establecementos.
Doutra banda, a día de hoxe suma un total de 2.000 habitacións, o que sitúa á compañía na posición 67ª se se toma o número de estancias como referencia.
A firma galega confía en seguir mellorando estas cifras nos próximos meses e afronta o 2023 co mesmo empeño e ilusión do primeiro día e coa determinación de poder pisar o acelerador e intensificar o ritmo de crecemento. De feito, espera poder alcanzar as 2.800 habitacións o próximo 31 de decembro.
Doutra banda, o propio crecemento da cadea tamén supuxo un considerable aumento do persoal e que se traduciu en 110 traballadores máis ao finalizar 2022. Alda Hotels contaba con 269 empregados en decembro de 2021 e acabou o 2022 cun total de 379.
Ningún comentario:
Publicar un comentario