A V MOSTRA MARES DA FIN DO MUNDO PREMIA AS CINEASTAS GALEGAS
• Xisela Franco recibiu unha mención especial pola súa curta Atadeiras / Piueiro
Infogauda / A Guarda
Do 28 de outubro ao 1 de novembro, o Centro Náutico do Freixo, na localidade de Outes, pertencente a comarca coruñesa de Noia, acolleu a Mostra de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, evento que cumpre cinco anos, “un lustro de actividade comprometida co medio mariño, co sector pesqueiro e procurando crear conciencia sobre a necesidade de coidar o mar como un dos recursos naturais máis valiosos que temos”, afirmou o alcalde do Concello de Outes, Manuel González López.
A V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, foi “(...) unha edición moi especial, xa que coincide nun ano marcado por importantes conmemoracións relacionadas co cinema e co mar (...)”, dixo Marcos Gallego Fernández, director da Mostra Mares da Fin do Mundo.
O premio estrela, a mellor película, foi para Tatuado nos ollos levamos ou pouso, de Diana Toucedo. O xurado destacou a «marcada proposta autoral, cun achegamento poético ao marisqueo en Galicia», así como «a posta en valor do patrimonio inmaterial dous oficios tradicionais do mar».
O premio concedido polo público foi para Last of us, de Andrea Marcovicchio.
Para a cultura marítima de A Guarda, a devandita Mostra foi tamén unha magnífica oportunidade para amosar dous importantes referentes da nosa vila mariñeira: as atadeiras da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, e o emblema da antiga frota pesqueira artesanal, representado polo volanteiro Piueiro, en boa hora recuperado por iniciativa da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, de A Guarda.
As atadeiras guardesas, representadas pola devandita asociación, e os veteranos pescadores que navegan no volanteiro guardés. son as e os protagonistas da curtametraxe Atalaia / Piueiro, de Xisela Franco, de 8 minutos de duración, en versión orixinal en galego, con subtítulos en inglés.
Ese traballo de Xisela Franco, que fora presentado no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o 23 de marzo deste ano, enmarcada nas actividades paralelas da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), e posteriormente, o 17 de xuño de 2022, na nosa vila, nun acto de Atlantic CultureScape - proxecto cofinanciado polo Programa Interreg Espazo Atlántico a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional -, que rematou no mes de setembro; participou o pasado sábado día 29 de outubro, na competición oficial da Mostra Mares da Fin do Mundo, celebrada en Outes.
A peza Atalaia / Piueiro, de Xisela Franco, foi recoñecida pola «creatividade na utilización de distintos recursos, destacando a recuperación de arquivos históricos».
Compre decir, que neste caso, «a recuperación de arquivos históricos», foron imaxes cinematográficas - de preto dun século de antigüidade - da autoría do cineasta pioneiro e fotógrafo Joaquín García Portela "Costiña", de A Guarda, cedidas altruistamente a cineasta, documentalista e docente viguesa, polas irmás Joaquina e Celia Martínez García, netas de Joaquín García Portela.