3 de nov. de 2022

NIGRÁN

Empresas de todos os sectores daranse cita en Nigrán para tecer lazos de unión para promocionar o territorio  

 O vindeiro 14 de novembro organiza a terceira edición do taller de empresas turísticas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño  

 


Infogauda / Nigrán

 O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa tecendo lazos para promocionar o territorio dunha forma unida. Por este motivo, o vindeiro 14 de novembro organiza a terceira edición do taller de empresas turísticas, unha nova xornada que servirá para poñer en contacto a entidades turísticas con empresas doutros sectores dos 14 concellos do xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) para impulsar o traballo en rede e dar pulo a sinerxías  que faciliten a creación de novos produtos turísticos e á promoción do territorio como destino.  

 Este novo taller terá lugar ás 18.00 horas nas instalacións de Trisk-Ale, no Porto do Molle, en Nigrán, que permitirá seguir ao camiño iniciado con grande éxito hai xa un ano e reforzado tras os dous primeiros encontros realizados en Tui e Redondela.  

 Neste encontro as empresas participantes disporán aproximadamente de dúas horas para coñecer outras entidades de todo o territorio e establecer contactos comerciais con outros operadores turísticos do xeodestino ou empresas do sector primario, favorecendo a posta en marcha de colaboracións, iniciar alianzas e a creación de espazos para artellar novas experiencias turísticas.  

 Tras o taller servirase un cóctel de degustación no que as persoas participantes poderán seguir intercambiando impresións. As persoas e entidades interesadas en participar poderán inscribirse a través dun formulario web. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario