3 de nov. de 2022

A GUARDA

O PERSOAL DO SERVIZO DE ASISTENCIA NO FOGAR (SAF) SECUNDA A FOLGA INDEFINIDA



As imaxes corresponden as concentracións realizadas nas prazas de Avelino Vicente e do Reló, nas mañás de onte e de hoxe, na vila de A Guarda
Fotos: Cedidas


Infogauda / A Guarda

 Onte mércores día 2 de novembro arrincou a folga indefinida convocada pola CIG nos SAF (Servizos de Asistencia no Fogar) de todo o país. As traballadoras rexeitan o preacordo asinado por CCOO e UGT. Reclaman un convenio que dignifique as súas condicións laborais e salariais e que non as aboque á precariedade e a pobreza.  

 Precariedade e escaso recoñecemento social marcan o día a día das traballadoras que prestan un labor básico para centos de persoas en toda Galiza como é servizo de axuda no fogar. Un servizo público do que a Xunta de Galiza se desentendeu, traspasando a súa prestación aos concellos, que á súa vez deixan a xestión destes coidados en mans de empresas privadas, máis preocupadas por obter grandes beneficios que por garantir unhas condicións laborais e asistenciais dignas.  

 Agora, cun convenio sen actualizar dende 2011 e tras as situacións dramáticas vividas durante a pandemia, a patronal non só pretende consolidar esta precariedade non garantindo sequera o mantemento do poder adquisitivo cunhas subas salariais acordes ao IPC, senón que incluso busca crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se liciten os contratos.  

 Por iso rexeitan o preacordo de convenio colectivo asinado por CCOO e UGT coa patronal e demandan condicións laborais e salariais dignas.

 Tanto na mañá de onte como na de hoxe, na vila de A Guarda, as traballadoras do SAF realizaron concentracións nas prazas de Avelino Vicente e na do Reló, coreando varias consignas, entre elas "A igual traballo, igual salario".

Ningún comentario:

Publicar un comentario