3 de nov. de 2022

O ROSAL

A realidade con humor con Fulano, Citano e Mengano, no Rosal  

 O recoñecido trío subirá este sábado día 5, ás 21.00 horas, ao escenario do auditorio municipal. Entrada de balde ata completar aforo  


 Fulano, Citano e Mengano, estarán este sábado no auditorio municipal do Rosal


Infogauda / O Rosal

 O mes de novembro arranca con risas no Rosal. O recoñecido trío Fulano, Citano e Mengano chegarán este sábado día 5, ás 21.00 horas ao auditorio municipal para facer desfrutar ao público dunha velada agradable, con risas sostidas e contaxiosas. Porque se algo caracteriza a este grupo teatral que leva sobre os escenarios dende 1995 é a súa capacidade para reflectir a realidade e facelo con humor. 

 Unha longa traxectoria na que percorreron cada recuncho do panorama cultural galego cunhas representacións na que o espectador e a espectadora pasa unha velada moi agradable con historias que invitan á reflexión e amosan unha crítica construtiva sobre as realidades actuais mesturado cun sinxelo traballo de escenificación no que a sátira se une ao humor intelixente en cada obra protagonizada por Marcos Alonso, Suso Pando e Manuel Pombal. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima á veciñanza a gozar dunha tarde de lecer con esta actividade de balde, con entrada libre ata completar aforo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario