21 de xuño de 2022

A GUARDA

ATLANTIC CULTURESCAPE CONTRIBUIRÁ A IMPULSAR EXPERIENCIAS DE PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL 

O proxecto está cofinanciado polo Programa Interreg Espazo Atlántico a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 


As persoas participantes no roteiro guiado, subiron a bordo do volanteiro Piueiro
Reportaxe fotográfica: Santiago Baz Lomba
Carmen Barbosa e Marina Álvarez traballando na nave de redeiras

Infogauda / A Guarda

 Vén de ter lugar no Centro Cultural de A Guarda, o pasado día 17 deste mes, un acto de Atlantic CultureScape - proxecto cofinanciado polo Programa Interreg Espazo Atlántico a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional -, que rematará en setembro.

 A ese evento, ademáis do alcalde da localidade, Antonio Lomba Baz - que deu á benvida aos asistentes e participantes -, e membros da corporación municipal de A Guarda, asistiron persoas vencelladas a Universidade de Vigo, como a profesora Mª del Pilar Muñoz Dueñas, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade; a cineasta  e profesora da Facultade de Belas Artes,  Xisela Franco; a antropóloga Xiana Rodil, contratada para o proxecto; e Lucía Santiago; representantes da Asociación de Redeiras Baixo Miño Atalaia e membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro. Asemade, asistiu unha representación da veciñanza, entre a cal atopábase a doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo; docente na Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo e no IES Audiovisual de Vigo; e productora en Filmika Galaika, Beli Martínez Martínez; e tamén a deseñadora de producto Amalia Puga Cividanes, que vén creando diferentes propostas a partires do traballo das redeiras de A Guarda.

 Á fronte do equipo, que traballou en colaboración con entidades e colectivos da vila guardesa, está Mª del Pilar Muñoz, que na súa intervención explicou os pormenores do proxecto e salientou que “A Guarda ten un rico patrimonio cultural inmaterial, vinculado sobre todo co mar e a nosa pretensión non foi outra que poñelo en valor e, a través del, fomentar a actividade económica no sector servizos nese concello”. 

 Ao igual que o celebrado no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o día 23 de marzo deste 2022, coincidindo coa Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE); o evento serviu para informar ao respetable público, sobre os obxectivos do proxecto Atlantic CultureScape e ao mesmo tempo para presentar a curtametraxe de Xisela Franco, formada polas pezas  Atalaia / Piueiro, nas que a directora viguesa incorporou imaxes cinematográficas da autoría de Joaquín García Portela "Costiña", fotógrafo de A Guarda, cedidas polas súas netas Joaquina e Celia Martínez García. 

 Nestes dous documentais Xisela Franco aproxímouse ao mundo do mar desde a etnografía experimental, achegando unha visión entre o documental e a poesía sobre o mundo das redeiras e sobre o volanteiro guardés, excelso traballo de carpintería de ribeira. Para a primeira proposta contou coa colaboración da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, mentres que na segunda peza traballou man a man coa Asociación de Embarcacións Tradicionais Piueiro. Ambas creacións tratan de dar visibilidade ao patrimonio inmaterial da vila, de crear emocións arraigadas ao territorio e á súa xente, de facer poesía e antropoloxía audiovisual. 


Marina Álvarez e Carmen Barbosa - á der. da imaxe - con Xisela Franco e Xiana Rodil , nun momento do faladoiro no Centro Cultural
Aspecto que ofrecía o salón de actos do Centro Cultural da vila

 Asemade, foi tamén unha magnífica ocasión para coñecer de primeira man - grazas as testemuñas orais de dúas mulleres - Marina Álvarez e Carmen Barbosa - profesionais da armadura, confección e reparación de diferentes tipos de redes de pesca, tanto no rio como no mar - do labor principal - pois tamén fan pezas de bixutería e artesanía con redes que reutilizan - das atadeiras de A Guarda. Unhas mulleres que desde a Asociación de Redeiras Baixo Miño Atalaia veñen desenvolvendo unha actividade productiva coa cal logran traballar dignamente nunha profesión que lles gusta - e que aprenderon de súas avoas e nais -, ter uns ingresos propios e ao mesmo tempo, cotizar para súas xubilacións. E non soio iso, senón seren un referente para as xeracións máis novas. Por iso, e tamén para que a profesión de atadeira - ou redeira - continúe no tempo e non desapareza cando as veteranas cheguen á merecida xubilación, foi polo que decidiron organizar un curso de formación de redeiras - no que contan coa colaboración do Concello de A Guarda -, para o cal xa abriron a correspondente inscrición. Segundo afirmaron Marina e Carmen, nestes momentos xa están anotadas un número importante de persoas interesadas en facer o curso, estando pendente únicamente que a Xunta de Galicia o autorice.

   Asemade, desde Asociación de Redeiras Baixo Miño Atalaia veñen reivindicando que se lles recoñeza o correspondente coeficiente reductor, de tal xeito que unha vez aprobado lles permita xubilarse antes de idade establecida actualmente.

 Ademais das atadeiras - e tralo interesante faladoiro que ofreceron - no acto estiveron varios membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, entre eles Joaquín Cadilla Castro (Balueiro) e José Benito Rodríguez González (Tito Chirro), presidente e vicepresidente, respectivamente, da devandita asociación. 

 Trala proxección duns "brutos" - material inédito como son as gravacións que non foron empregadas para as pezas definitivas -, que Xisela Franco foi elexindo; Joaquín Cadilla e Tito Chirro falaron da tradiciòn mariñeira de A Guarda - "(...) todo o que somos debémosllo o mar", Tito Chirro dixit - e da recuperación do volanteiro guardés, unha embarcación que desaparecera do porto guardés fai máis dun século e que en boa hora, por iniciativa da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro - fundada en 2018 -, foi recuperada. E hoxendía o Piueiro - que así se chama o barco - é un activo símbolo patrimonial vivo das embarcacións tradicionais de noso.

 Ambos os dous membros da Asociación Piueiro referiron momentos da súa recente viaxe - na compaña doutros tripulantes do volanteiro - dende o porto de A Guarda ata Pasaia, en Guipuzcoa, onde do 26 ao 29 de maio, participaron na segunda edición do Pasaia Itsa Festibala 2022. 

 Joaquín Cadilla lembrou que a avaría do motor auxiliar do volanteiro motivou o lanzamento dun SOS, e a resposta recibida a esa chamada foi moi emotiva e gratificante. Citou como exemplo, o caso de dous irmáns - unha nena de 11 anos e seu irmán de 9 - de A Coruña, que cando tiveron coñecemento da petición de axuda de Piueiro non dubidaron en decirlles a súa nai e ao seu pai, que querían colaborar. E así foi. Eles que xa coñecían o labor da asociación, por haberen estado comendo coa familia nun restaurante da nosa vila, aportaron seus correspondentes donativos. "(...) Iso - dixo Joaquín "Balueiro" - énchenos de emoción. Non hai palabras para agradecer xestos como ese (...)".

 Ademais de agradecer o labor dos técnicos que efectuaron a reparación da avaría nun tempo récord, o que lles permitiu chegar a Pasaia con tempo suficiente; Cadilla Castro tamén expresou públicamente unha reflexión persoal: "O que nós fixemos - unha travesía de unhas 1.000 millas, entre ida e volta - non é nada en comparación co que fixeron nosos bisavós e avós, pois o volanteiro non ten ningún espazo onde a tripulación se poida guarecer do vento, da choiva, do frío ou da calor".

 Tito Chirro que tamén foi nesa viaxe a Pasaia, comentou a dureza da navegación. "Tivemos días en que coñecimos todas as climatoloxías (...)", e tamén comentou algúns pormenores das manobras a bordo, tanto para izar a vela como para arriala, utilizando unha ou máis drizas, segundo á forza e as características do vento, principal enerxía de propulsión do volanteiro, embarcación que tamén está dotada de remos.

 Ao remate Xisela Franco fíxolles entrega duns discos duros externos das pezas audiovisuais as e os representantes da Asociación de Redeiras Baixo Miño Atalaia e da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, respectivamente.

A Guarda, porto de mar. A Guarda, porto de ribeira

 Froito deste proxecto tamén se deseñaron dous roteiros de experiencias que recollen todo o patrimonio ligado ao mar construído e sostido polas persoas que habitaron e habitan A Guarda. Estas dúas propostas, que transcorren unha pola vertente atlántica da vila e outra pola beira do Miño, son o resultado das investigacións patrimoniais levadas a cabo de forma participativa, e conxugan tradición, paisaxe, gastronomía, cultura e patrimonio. Ambas xogan, como explicou Mª del Pilar Muñoz, “coa situación xeográfica da vila mariñeira”, de modo que o río Miño, o monte Santa Trega e o océano Atlántico “preséntanse como paisaxes que custodian o territorio da Guarda”.

 As actividades do proxecto Atlantic CultureScape terían continuidade na mañá do sábado día 18 de xuño, coa visita guiada denominada A Guarda. Porto de mar. Comezou fronte a cetárea de Agrelo. Nela participaron as representantes da Universidade de Vigo, membros das asociacións Piueiro e Xuliva Historia e Paisaxismo , así como ás persoas que previamente se habían inscrito.


Tito Chirro e Joaquín Balueiro informando sobre a desaparecida Casa de Baños
As/os participantes, atentas/os a información sobre a talasonimia da zona

 A ruta guiada - que incluiu unha visita a sala de subastas de marisco e peixe, da lonxa; a nave das redeiras e unha visita a bordo do volanteiro Piueiro - tivo como cicerones a Ticho Chirro e Joaquín Balueiro que foron informando das  características da cetárea que pertenceu a familia Silva, así como da riqueza talasonímica (Porto da Reghadeira, Pedra do Pozo Redondo, Porto da Chanciña, Porto Ladrón - onde houbo dous tanques de auga doce, para lavar á roupa, ás redes,..., que ficaron tapados polo recheo que daría lugar á rúa actual, denominada Fernández Albor -, Porto das Chavolas, A Morea - onde tamén había unha fonte de auga doce -, A Fontiña - ídem -, O Cabaliño, As Camboas, Portiño do Cobelo, A Besugueira ("O Portiño do Cobelo, é un portiño dos mellores, senón fora A Besugueira atracaban os vapores", é unha copla que relembrou Tito Chirro), A Herbiña do Marraxo - onde tamén había unha fonte, tapada polo paseo marítimo -, os baixos da Bitadorna, Pedra da Concha,...)  do litoral comprendido entre Agrelo e Punta Xenete, preto do Portiño, onde rematou a ruta. "Soio dentro do porto, os do Piueiro, temos nomeadas 37 pedras", dixo Joaquín Cadilla Castro.

 Houbo tamén un momento para falar das marcas - ou referencias - que empregaban os pescadores de A Guarda para saber orientarse no mar, e ubicar os lugares máis propicios para á pesca, e que correspondían a lugares fixos en terra (Ghalloso, Sobreiro, Cova da Loba,...), que actualmente son lembradas nos botes de folla de lata que ten a Asociación Piueiro para que os máis noviños remen no verán no porto de A Guarda.


Luis Lomba, mariñeiro xubilado, informando aos participantes no roteiro, como é o proceso de curado de peixe de coiro

Xiana Rodil e Lucía Santiago, xunto con outras persoas, diante da vivenda de Luis Lomba

 Con exemplos in situ, falaron tamén do "pan do inverno" - o peixe de coiro -, aproveitando que Luis Lomba acostuma ter litans no salido da súa vivenda para seu curado e posterior autoconsumo. "Con iso e co argazo, que vendían as xentes do Rosal e de Tomiño - lembrou Tito Chirro - era co que as familias mariñeiras subsistían."

 Tito Chirro tamén lembrou As Casetas, "onde houbo unha Casa de Baños - con dúas ou tres construccións -, que era frecuentada por persoas de Ourense, Salamanca,..., que viñan a darse baños de auga de mar quente." 

 "Tiñan - relembrou Tito - unhas caldeiras a leña, coas que quentaban a auga do mar e os usuarios bañábanse dúas ou tres veces ao día, segundo lles prescribira o médico,... E ainda que os que rexentaban a Casa de Baños dispuñan dunha bomba para captar a auga do mar e levala ao establecemento, as veces fallaba, e nós viñamos por eiquí e con caldeiros levábamoslle a auga e dábannos unha ou dúas pesetas (...)".

  Pouco antes de dar por concluída a visita, Joaquín Cadilla deu unha breve explicación sobre ás marcas dos pescadores de A Guarda, reflectidas no contradique de Punta Xenete, informando as características de transmisión deses símbolos cos cales se identificaban aparellos (cortizas, boureles, redes,...), agullas, embarcacións, remos, temóns, portas das vivendas,... 

 Tamén referiu o número de marcas rexistrado pola Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), e as preto de 200 que posteriormente recolleu a Asociación Piueiro, con motivo da mostra que organizaron no baixo de Efectos Navales Guadalupe.

 A ruta - que ten unha lonxitude total de 4,6 km. - daríase por rematada xunto a Punta Xenete.

 O segundo roteiro, pendente aínda de presentación, percorre a vertente fluvial da vila, á beira do río Miño, para coñecer o esteiro, o porto da Pasaxe de onde partían as barcas de pasaxeiros e o transbordador ata Caminha; as carpinterías de ribeira; a pesca da lamprea; as salinas rupestres e as exentas; ou as zonas relacionadas co estraperlo durante o século pasado.

 Grazas ao labor desenvolvido polo proxecto Atlantic  CultureScape, a vila de A Guarda vai poder ofrecer a veciños e visitantes os roteiros A Guarda. Porto de Mar e A Guarda. Porto de ribeira. Sen dúbida algunha, coa axeitada promoción, van xerar unhas interesantes sinerxías. 

O reto: a continuidade do proxecto 

 Con estas dúas actividades, que se realizan en colaboración co Concello de A Guarda e as asociacións Redeiras do Baixo Miño Atalaia, Embarcacións Tradicionais O Piueiro e Xuliva, o proxecto Atlantic CultureScape achégase á súa finalización. E faino, destacan os seus coordinadores “deixando os seus obxectivos cumpridos e unha recua de actividades de socialización e visibilización da paisaxe da vila mariñeira, da súa historia e do seu patrimonio material e inmaterial, como eixes sostibles e xeradores de economía na vila”. Con todo, a profesora Mª del Pilar Muñoz sinala que o reto que agora se presenta é darlle continuidade a todo o traballo desenvolvido nestes tres anos. “Non podemos esquecer que estamos a falar dun proxecto europeo, financiado con cargo aos fondos Interreg da Unión Europea, coa finalidade de desenvolver experiencias turísticas baseadas no patrimonio cultural da área atlántica. As rutas de experiencias deseñadas formarán parte dunha ruta europea, xunto con aquelas outras do resto de socios europeos do proxecto”. 

Atlantic  CultureScape

 Atlantic  CultureScape lanzouse en xullo de 2019, reunindo a sete socios para desenvolver colectivamente experiencias de patrimonio cultural inmaterial (PCI) que impulsarán a oferta turística en todo o Espazo Atlántico. O proxecto identificou que PCI ten cada país, levou a cabo investigacións e traballou con empresas locais para mellorar as súas ofertas locais de PCI. 

 Nas etapas finais do proxecto, comercializarase un Roteiro do Espazo Atlántico PCI para os visitantes do Espazo Atlántico. Unha parte importante da preocupación dos proxectos Interreg son os socios  transnacionales que se unen para lograr un obxectivo común.  

 O elemento “intanxible” do patrimonio cultural recibiu pouca atención no Espazo Atlántico nos últimos anos. O proxecto Atlantic CultureScape propúxose abordar isto identificando e mellorando o goce de experiencias auténticas do Patrimonio Cultural Inmaterial. Reunindo a sete socios  transnacionales, o proxecto de 2 millóns de euros estenderase ata setembro de 2022 e está cofinanciado polo Programa Interreg Espazo Atlántico a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Inicialmente levouse a cabo un estudo do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) en todo o Espazo Atlántico co fin de proporcionar principios reitores para o crecemento económico sostible. O proxecto centrouse na protección e evolución do  PCI, así como no seu desenvolvemento. A creación de produtos innovadores e un Roteiro do  PCI Espazo Atlántico apoiada por un programa de márketing  transnacional, obterá un maior recoñecemento e unha maior visibilidade do  PCI no Espazo Atlántico. A identificación de experiencias culturais auténticas, enraizadas en cada unha das áreas do  PCI, terá unha influencia significativa no número de novos visitantes e turistas. Impulsará a actividade económica mediante a creación de novas empresas e o aumento do número de postos de traballo no sector servizos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario