29 de dec. de 2022

A GUARDA

PIUEIRO E INFOMAXE EDITARON UN ALMANAQUE

 Reproducindo fotografías antigas do porto de A Guarda



Anverso e reverso dos almanaques

Ricardo Rodríguez Vicente/ A Guarda

 A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro e a Asociación InfoMAXE, de A Guarda, veñen de comezar a distribución do almanaque de 2023 que editaron de xeito colaborativo.

 A publicación reproduce 8 fotografías antigas - algunha delas con máis de un século de antigüidade -, do porto de A Guarda, varadoiro da Ribeira, barrio de pescadores,..., que reflicten unha síntese da historia e da tradición mariñeira do noso pobo. Son imaxes - en sepia e tamén en branco e negro - que nos amosan como eran os feitíos das embarcacións de outrora e tamén como eran por fóra, as casas dos pescadores. Unha arquitectura austera, carente de calquer indicio de confort, onde nuns reducidos espazos habitacionais - agás contadas excepcións -, as mulleres ademais de axudar aos seus maridos (armando e reparando redes, alestando palangres, agardando no varadoiro polos seus respectivos homes e fillos, apañando argazo, arranxando o fogar, atendendo aos maiores e doentes,...- criaron os seus fillos, constituíndo en moitos casos familias consideradas - e con moito acerto - numerosas, pois tiñan catro - e ainda máis, nalgúns casos - descendentes. 

 Todo iso viu a demostrar a resiliencia das familias do barrio de pescadores de A Guarda, nunhas épocas nas que os invernos eran moi crus e o estado do mar ao longo de moitos días, non permitía sair a faenar. Eran tempos de moito traballo, sacrificio,..., e tamén de moitas carencias.

 Por iso, cunha tirada de 300 exemplares, os almanaques de Piueiro e InfoMAXE, que van chegar a moitos fogares e establecementos da nosa localidade, de xeito totalmente gratuito; constitúen unha achega que rende homenaxe a épica das mulleres e dos homes do mar de A Guarda, de onte, de hoxe e de sempre.

1 comentario: