29 de dec. de 2022

A GUARDA

O Concello de A Guarda recibirá 1.000.000 euros para o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino  

A presentación realizouse este martes en Santiago de Compostela, asistindo á mesma o alcalde, Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez Martínez.  


De esq. á der.: Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; e Rafael Álvarez, concelleiro de Turismo do Concello de A Guarda, no acto de presentación, en Santiago de Compostela, dos diferentes proxectos de modernización dos destinos turísticos de Galicia que se poñen en marcha dende o Goberno do Estado

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O martes día 27 de decembro o alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Turismo, Rafael Álvarez Martínez, trasladáronse ata Santiago de Compostela para participar na presentación dos diferentes proxectos de modernización dos destinos turísticos de Galicia que se poñen en marcha dende o Goberno do Estado e que suman investimentos por valor de 85.7 millóns de euros, dos cales A Guarda - como xa informamos oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo - recibirá 1 millón de euros para o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino.  

 O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou o pulo extraordinario do Goberno de Pedro Sánchez á modernización dos destinos turísticos de Galicia con investimentos en 34 proxectos de sostibilidade turística que impactan na totalidade do territorio galego:  “É o Goberno de Pedro Sánchez o que impulsou na crise da COVID a figura dos Plans de Sostibilidade Turística e é este Goberno o que, coa colaboración do resto de administracións, co liderado da ministra Reyes Maroto, e coa oportunidade histórica dos fondos Next Generation, está a promovela por todo o territorio”.   


O delegado do Goberno en Galicia, nun momento da súa intervención 

 José Miñones mantivo unha reunión con responsables das administracións implicadas nestes investimentos, na que estiveron presentes Antonio Lomba Baz e Rafael Álvarez Martínez, para avaliar o seu impacto no territorio e no sector. O delegado detallou que, dende ano 2020, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio resolveu tres convocatorias ordinarias e dúas extraordinarias para financiar a execución destes plans de modernización de destinos turísticos.  

 Este ano 2022, a convocatoria extraordinaria resolveuse o pasado 14 de decembro. En Galicia, esta resolución suma 16 accións máis ao listado anterior, cunha achega do Goberno de 34,5 millóns de euros. A suma do total de aportacións do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dá como resultado 85,7 millóns de euros de fondos estatais en 34 destinos “para crear en Galicia un novo modelo turístico baseado en criterios de sostibilidade e de calidade ao máximo nivel internacional”, sinalou o delegado.  

 Nese foro, o delegado do Goberno reiterou o papel das entidades locais de Galicia neste ámbito, xa son as encargadas de deseñar e de executar a maior parte das actuacións que financia o Goberno e que “dinamizarán cidades, vilas e aldeas de toda Galicia”.   

 A execución corresponde, nos Plans de Sostibilidade, ás entidades locais promotoras de cada iniciativa, e nas Actuacións de Cohesión Territorial, á Xunta de Galicia. O Goberno transfire o orzamento íntegro ao Goberno Autonómico e esta administración é a que, posteriormente, inviste nos seus proxectos e fai chegar as cantidades adxudicadas a concellos, mancomunidades, agrupacións ou deputacións provinciais para desenvolver os seus propios.  

PSTD “A Guarda”. Concello de A Guarda. 1.000.000 euros

 O plan inclúe actuacións relacionadas coa mellora da xestión do uso público do espazo natural do Monte Santa Tegra implantando medidas que regulen o acceso nun espazo da alta presión en número de visitantes (fomento da mobilidade sostible), así como de protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Forte (Camposancos). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario