O Rosal achégase ás intervencións realizadas no castro do Pico Bandeira cen anos despois
• Este sábado 5 de novembro, ás 11.00 horas, o Centro Social Polivalente acollerá unha nova charla das II Xornadas de Patrimonio, que rematará cunha visita ao propio castro
Foto; C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal continúa ollando cara as súas orixes ancestrales. Este sábado 5 de novembro o Centro Social Polivalente acollerá unha nova charla ao abeiro das II Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades “deseñadas para dar a coñecer a toda a veciñanza e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial rosaleiro e do Baixo Miño”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Este novo encontro estará centrado nas intervencións realizadas no castro do Pico da Bandeira cen anos despois da última campaña realizada na zona, unhas escavacións promovidas polo Concello en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santa Mariña, do Rosal e cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra que permitiron coñecer o estado de conservación e o potencial deste castro de grandes dimensións situado no límite co municipio da Guarda que abrangue arredor de seis hectáreas de terreo.
A xornada, de balde, comezará ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente da man do arqueólogo Benito Vilas Estévez, especialista en Astronomía Cultural pola University of Trinity Sant David, de Gales, lugar onde realizou o seu mestrado. Vilas é autor de numerosos artigos, entre os que destacan as súas investigacións sobre a importancia solar no dolmen de Dombate e na catedral de Santiago.
Tras a charla a xornada continuará cunha visita ao castro de Pico da Bandeira. A rexedora convida a toda a veciñanza “a participar nesta nova actividade dunhas xornadas que buscan achegar a todos os rosaleiros e rosaleiras a aspectos fundamentais para coñecer, entender e valorar como é o noso concello hoxe en día”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario