O Concello abre prazo para que os negocios da vila poidan participar na decoración de Nadal
• O obxectivo da iniciativa é promover unha liña de colaboración entre o Concello e os negocios da localidade.
Infogauda / A Guarda
Este ano, ao igual que en edicións anteriores, o Concello de A Guarda contará coa colaboración de diversas asociacións culturais e sociais da vila, que se encargarán de decorar varias prazas durante as festas do Nadal baixo o proxecto “Decora o teu Nadal”. O deseño de cada decoración correrá a cargo das asociacións e o concello proporcionará os materiais que necesiten.
A temática será libre e a maioría dos materiais empregados deberán ser sostibles e reutilizados, en liña coa política medioambiental municipal e os obxectivos da Axenda 2030.
“O obxectivo da iniciativa é promover unha liña de colaboración entre o concello e os negocios de A Guarda, a través da que se podan ambientar dúas zonas de especial afluencia de persoas durante o Nadal e que acaben actuando como elementos que contribúan a dinamizar o consumo local”, indicou a concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez Marcos.
Para complementar esta proposta, desde a Concellería de Desenvolvemento Local, encargáronse dous elementos decorativos de gran tamaño que serán confeccionados en madeira, e que se situarán na Alameda e na praza de Avelino Vicente, como reclamo para as persoas visitantes e consumidores/as, pero especialmente pensados para o desfrute das crianzas.
Ao igual que coas asociacións, e seguindo esa mesma liña de colaboración, o concello desexa convidar a todos os pequenos negocios da vila a participar no pintado e preparado destes elementos. As persoas interesadas poden poñerse en contacto a través de WhatsApp ou chamada telefónica ao 679 074 381 ata o 14 de novembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario