3 de xan. de 2025

O ROSAL

Unha viaxe foto a foto polas festas do Rosal  

• Seis fotógrafos retratan as diferentes festividades do municipio nunha nova edición do calendario anual do Concello 


Novás

Foto: Alberte Pereira
  

Infogauda / O Rosal 

 Este 2025 chega cargado de tradición e identidade para O Rosal. O Concello volve ofrecer a veciños e veciñas de xeito gratuíto o seu tradicional calendario anual, que chega a súa quinta edición cun auténtico percorrido visual polas festas do municipio. A través da ollada de seis fotógrafos locais, o almanaque deste ano amosa a riqueza cultural e festiva que define os barrios e parroquias rosaleiras. 

 “Este calendario é moito máis que un agasallo de Nadal, é un testemuño visual da nosa identidade como municipio. A través das imaxes que capturan as nosas festas podemos ver e sentir a forza das nosas tradicións”, subliñou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora quixo dar as grazas ás e aos fotógrafos participantes “por achegar as súas lentes e a súa sensibilidade para plasmar a esencia de cada unha das nosas festas”. 

 Cada mes o calendario representa unha festa diferente do municipio, ofrecendo unha experiencia visual única por algunhas das celebracións máis emblemáticas do Rosal. O almanaque é un compedio visual que capta a enerxía, as cores e os momentos dende o Entroido de Novás ata a San Silvestre, pasando pola Feira do Viño, a Festa do Pilar ou as de Fornelos, da Saúde, San Gregorio, San Xián, Martín, A Magdalena, de San Miguel ou a romaría de San Martiño. Se ben non están todas, xa que algunhas coinciden no mesmo mes. 

 As imaxes foron tomadas polos fotógrafos Alberte Pereira, Luis Dorado, Fernando Carrera Pereira, Emilio Baz, Ana María González Pombal e Jesús Domínguez, quen souberon captar con precisión o espírito de cada unha das festas. A súa ollada única achega unha visión íntima e auténtica das festividades que dan vida ao Rosal. 

 En total serán 2.500 exemplares que comezarán a repartir de balde os Reis Magos o vindeiro 5 de xaneiro durante a súa visita aos barrios. Ademais, os calendarios tamén estarán dispoñibles no Concello para todas aquelas persoas que desexen obter un.  

 A alcaldesa destacou que “ao longo de cinco edicións, este calendario consolidouse como unha ferramenta para preservar e divulgar as nosa contorna, o noso patrimonio e as nosas tradicións. E, nesta edición, tamén é unha forma de recoñecer o traballo dos nosos veciños e veciñas, que son os que realmente manteñen vivas estas festas e tradicións”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario