22 de nov. de 2022

GONDOMAR

FALADOIROS DO IEM: CO MAR DE FONDO 

Xoaquín Cadilla falará sobre "Talasonimia do mar da Guarda e outros bens inmateriais da tradición mariñeira guardesa" 

 O xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, no local do IEM, Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar


Xoaquin Cadilla Castro “O Balueiro”

IEM / Gondomar

 O próximo xoves día 24 de novembro ás 20:00 h. pechamos o ciclo Co mar de fondo, co faladoiro de Xoaquin Cadilla Castro “O Balueiro” sobre a Talasonimia do mar da Guarda e outros bens inmateriais da tradición mariñeira guardesa. 




 Xoaquin Cadilla Castro e patrón de pesca, poeta,  presidente da Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) e da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, que traballa a prol da recuperación do patrimonio etnográfico da cultura mariñeira da Guarda. Recuperaron o volanteiro que leva o nome da asociación, embarcación tradicional desaparecida dos peiraos, e que grazas ao traballo dun fato de mariñeiros xubilados e a punto de xubilarse, xunto con outras  persoas que se sumaron a seu devezo, conseguiron botar ó mar esa embarcación tradicional e dala a coñecer ás novas xeracións, con navegacións perante todo o verán con escolares, turistas e público en xeral. Participando en encontros de embarcacións tradicionais en Galicia, O País Vasco e Portugal, e recuperando todos os saberes que van ligados o mundo do mar para que non se perdan e se poidan transmitir ás novas xeracións. Entre eses saberes está o da talasonimia, os nomes do mar, as pedras, os pesqueiros e toda a toponimia costeira e as historias de vida de mariñeiros e xentes ligadas ó mar, dos que nos falará este xoves ás 20 h na sede do IEM na Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar, e a que convidamos a toda a xente que queira acompañarnos. 

XOAQUIN CADILLA CASTRO “O BALUEIRO” Talasonimia do mar da Guarda e outros bens inmateriais da tradición mariñeira guardesa. Xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, no local do IEM Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar. Presenta Xosé Lois Vilar, vicedirector do IEM.

Ningún comentario:

Publicar un comentario