O delegado amosa o apoio á Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos Destinos Náuticos Sostibles de España, que recibe 2M€ do PRTR
José Miñones presenta na Guarda un proxecto de turismo sostible que creará itinerarios fluviais con cruceiros polos ríos Miño e Sil, a cargo do Plan de Recuperación do Goberno
• O delegado do Goberno resalta na Guarda a grande oportunidade do Plan de Recuperación para a transformación do sector turístico de Galicia
• “Imos facer do Miño, e tamén do Sil, unha vía navegable, dende a provincia de Lugo, pasando por Ourense e Pontevedra, ata a súa desembocadura na Guarda”, detalla
• Valora a oportunidade para posicionarnos como destino turístico sostible no mercado internacional
Infogauda / A Pasaxe (A Guarda)
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, resaltou esta mañá na Guarda “a grande oportunidade” do Plan de Recuperación para a transformación do sector turístico galego, durante a presentación da Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos Destinos Náuticos Sostibles de España, na que Galicia é un dos dez territorios participantes. O proxecto está financiado por Turismo España con 1.999.980 euros a cargo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno. “Imos facer do Miño, e tamén do Sil, unha vía navegable, dende a provincia de Lugo, pasando por Ourense e Pontevedra, ata a súa desembocadura na Guarda”, valorou o delegado. A presentación tivo lugar na Praza da República, no porto da Pasaxe-Camposancos, na Guarda, e nela participaron tamén o a alcalde da localidade, Antonio Lomba Baz; o concelleiro da localidade lusa de Caminha João Antonio Branco Pinto; e o representante da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN) José Manuel Fernández, que promove a iniciativa.
José Miñones subliñou que o este proxecto é “unha nova mostra de que o Plan de Recuperación está chegando a todo o territorio, aos concellos, á cidadanía e ás empresas; neste caso, ao sector turístico”.
O delegado insistiu en que a Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais (Rede CCF) supón unha grande oportunidade para A Guarda, para a Ribeira Sacra e os distintos destinos que ofrecen riqueza natural e cultural nas ribeiras do Sil e do Miño nas provincias e Lugo, Ourense e Pontevedra.
Este proxecto representa dúas apostas firmes deste Goberno. Por unha banda, a sustentabilidade como base de transformación do sistema produtivo. Por outra, a cooperación entre territorios fronteirizos. Neste caso entre Galicia e Portugal, a ambas as dúas beiras do Miño.
O delegado do Goberno reuniuse o pasado mes de marzo con José Manuel Fernández para coñecer esta iniciativa da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN) que agora toma forma co apoio do Goberno. “O desenvolvemento de itinerarios náuticos e culturais encaixa perfectamente co potencial turístico que temos en Galicia e en Portugal”, valorou José Miñones, quen amosou a súa satisfacción por impulsar a modernización do sector en Galicia “para posicionarnos como destino turístico sostible no mercado internacional”.
“O turismo do futuro será sostible ou non será. E estamos a aproveitar esta grande oportunidade do Plan de Recuperación do Goberno para transformar o noso modelo produtivo, para sermos máis competitivos e sostibles”, concluíu o delegado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario