8 de nov. de 2022

A GUARDA

Vaise presentar o libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”  

 O vindeiro venres, día 11 de novembro,  ás 20.00 horas. nos baixos do Concello de A Guarda

 Roberto Mera recupera para a historia a figura do deputado republicano que liderou a evacuación desde Francia de 17.000 exiliados durante a guerra civil   




Infogauda / A Guarda

 Os baixos da Casa do Concello de A Guarda acollerán o vindeiro venres, día 11 de novembro,  ás 20.00 horas, a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do avogado e politólogo Roberto Mera, publicado por Belagua Ediciones. O acto, organizado en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e Louriña, estará introducido polo escritor Francisco Álvarez Álvarez “Koki”.  

 Neste libro, dispoñible en versións en galego e en castelán, Roberto Mera Covas (Ponteareas, 1971) recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana Esperón (Ponteareas, 1877-México D.F., 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.  

 Pola súa trascendencia na recuperación da memoria democrática, o libro foi galardoado este ano co premio Antón Losada Diéguez, na categoría de Investigación e Ensaio.  


Portada do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do avogado e politólogo Roberto Mera

 A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.  

 A epopea que narra este libro comeza co estoupido da Guerra Civil. Daquela Alejandro Viana tiña xa unha dilatada traxectoria vital e era un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade de Vigo.  

 Alejandro Viana, que puido porse a salvo nos primeiros compases da guerra porque tiña os medios económicos e os contactos necesarios para facelo, optou por permanecer xunto ao goberno da República no exilio francés e, á fronte do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, axudar os seus concidadáns na procura da liberdade, nun exemplo de entrega aos demais, fiel sempre aos valores republicanos.  

 O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio». 

Ningún comentario:

Publicar un comentario