Cinco novos concertos esta semana ao abeiro do programa ‘Música e Viño no teu Camiño’
EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan a segunda edición deste ciclo que forma parte de ‘O teu Xacobeo’ e que estes días desembarca en Baiona, Mos, Redondela, Soutomaior e Tui
Infogauda / Comarcas
Esta semana temos
cinco novas citas co programa ‘Música e Viño no teu Camiño’, que continúa o seu
percorrido levando a música de grupos emerxentes por todo o territorio. Posto
en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e o
Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, o ciclo desembarca en cinco novos
concellos co obxectivo de xerar espazos de encontro e lecer nos que gozar dos
viños con DO Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros
da contorna. A iniciativa desenvólvese ao abeiro do programa O Teu Xacobeo impulsado
pola Xunta de Galicia.
Esta semana o ciclo de concertos arranca cedo,
este mesmo martes 11 de outubro, coas versións de pop, soul, jazz e funk
de Two in the Mirror, que encherán de vida os Xardíns da Casa da
Navegación de Baiona a partir das 19.00 horas. A fin de semana musical
comezará o venres 14 de outubro no Centro Dotacional de Torroso, en Mos,
ás 19.00 h coa actuación de King Kids, un grupo formado por oito rapaces
e rapazas de entre 11 e 15 anos que, con versións de temas coñecidos pero tamén
con cancións propias, amosan á mocidade que a música en galego ten cabida en
todos os estilos e a todas as idades.
O rock, funk e soul de The Mirror será a
nosa gran cita para este sábado 15. O público poderá desfrutar da súa
música en sesión vermú a partir das 13.00 horas na Praza da Constitución de Redondela.
Pecharemos a semana musical con dous novos concertos o domingo 16: por
un lado, co talante de Dous tipos ás 13.00 horas na Praza de Talorio de Soutomaior
e ás 19.00 horas na Praza de San Fernando de Tui con Up2You, o dúo
acústico que combina o mellor rock co soul e a música dos anos 70, 80 e 90.
Con esta iniciativa EuRural e do Xeodestino Ría de
Vigo e Baixo Miño organizan unha serie de concertos de balde por todo o
territorio nos que o público poderá desfrutar da maridaxe de música, viño e
gastronomía ao tempo que se potencia a hostalaría e o comercio local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario