10 de out. de 2022

A GUARDA

O Concello de A Guarda aluméase de cor verde

Para conmemorar, a petición da Asociación Avelaíña,  o Día Mundial da Saúde Mental 


Fachada principal da Casa do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda súmase á campaña que leva a cabo a Asociación  Avelaíña ao longo do mes de outubro, co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre a enfermidade mental. 

 O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.  

A Asociación Avelaíña 

 A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.  

 Tras 25 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra. 

 Hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo  Miño, Val  Miñor, Condado-Paradanta e en Salceda  de  Caselas, e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo  aquelas  intervencións  na  área  da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e  procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario