Continúa a programación do mes de outubro na vila
• Música con Coiro Vello e deporte coa 15k do Atlántico, son as propostas desta fin de semana na Guarda.
• A exposición “Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas” amplía a súa estadía na Casa dos Alonso ata o 27 de outubro
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda continúa coas actividades programadas para este mes de outubro, con accións medioambientais, obras de teatro, actuacións musicais, eventos deportivos, obradoiros, exposicións,...
Nesta fin de semana o sábado 22 de outubro, ás 20:00h, o Centro Cultural acollerá o concerto “Reserva 15 anos”, de Coiro Vello.
O domingo día 23 de outubro é a quenda do deporte coa novena edición da xa tradicional 15K do Atlántico Banco Mediolanum, un dos eventos de referencia no calendario do atletismo galego. A proba reunirá este ano ao redor de 600 corredores na carreira 15k Series e 200 na modalidade de andaina. En ambos os dous casos, o itinerario será en parte, pola rúa xacobea do Camiño Portugués da Costa.
A proba conta cunha parte solidaria, onde doarase un euro de cada inscrito a Down Vigo, así como a apertura dunha fila 0 en Meu gran de area, para intentar recadar unha maior cantidade de recursos para dita asociación.
As inscricións seguen abertas ata o 19 de outubro na web oficial do evento https://bancomediolanum15kseries.com/
Asemade, a programación do mes de outubro continuará o martes 25 de outubro, ás 19:30 horas, cos obradoiros para a creación de filtros de realidade aumentada, Social Pilgrims II. Unha actividade orientada a un público xeral a partir dos 12 anos e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. O taller levarase a cabo nunha aula municipal do Concello de A Guarda. Na devandita actividade, que é de balde, pódese inscribir calquera persoa interesada enviando un correo ao enderezo electrónico informacion@aguarda.es da OMIX A Guarda.
O sábado día 29 de outubro, ás 18:00h, no Centro Cultural, terá lugar a primeira representación teatral para público familiar da man da compañía Pedras de Cartón coa obra “O Quixote”. Non é precisa inscrición previa.
A exposición “Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas” amplía a súa estadía ata o 27 de outubro nos baixos do Concello.
Galiza profunda convídanos a reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.
O Concello de A Guarda, a través da concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para outubro e novembro a iniciativa “Historias de mulleres guardesas”. Unha proposta de ocio cultural e saudable, na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.
Nos roteiros, dos que só queda a quenda do 28 de outubro en horario de 20:00h a 21:00h, e xa están agotadas as prazas; fálase dunha serie de mulleres, todas veciñas de A Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan.
Como aconteceu no primeiro roteiro, o broche final porao o cantautor e poeta Tino Baz Baz cunhas reflexións persoais seguidas dunha intervención musical.






Ningún comentario:
Publicar un comentario