15 de out. de 2022

A GUARDA

O CONCELLO RESCATA PARA Á MEMORIA AS HISTORIAS DAS MULLERES GUARDESAS

Onte tivo lugar o primeiro roteiro con éxito de participación


Vista parcial das persoas que asistiron na tardiña de onte ao primeiro roteiro, incluído na actividade Historias de mulleres guardesas
Foto: C.A.G.


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 No lugar acordado - Praza do Reló - e nos momentos previos a hora indicada - 8 da tarde -, un grupo de persoas - entre elas o alcalde de A Guarda e as concelleiras de Turismo e de Igualdade, respectivamente, así como algúns outros membros da corporación municipal, e a directora do Centro de Información á Muller -, acudimos ao devandito lugar -, onde nos agardaba Manuel Álvarez Pérez, guía de turismo de A Guarda -, para participar no primeiro roteiro, incluído na actividade Historias de mulleres guardesas.

 Logo dunha benvida, pronunciada por Fátima Rodríguez Marcos, concelleira de Igualdade, do concello de A Guarda - que explicou a motivación desa iniciativa  - seguida dunha breve intervención de Manuel Álvarez Pérez, quen avanzou algún pormenor que minutos despois teriamos oportunidade de constatar; as persoas participantes no roteiro saímos en dirección a rúa Bernardo Alonso, deténdonos diante da praca de mármore branco, colocada polo Centro Social Fuscalho na fachada dun inmoble, colindante co lugar onde residira María das Auroras, apelativo co que era coñecida popularmente María Concepción Álvarez Álvarez, nacida en A Guarda,  en 1898.
 
 Momentos despois, xa nas inmediacións do atrio da igrexa parroquial, Manuel Pérez amosaríanos unha reproducción fotográfica do anverso e do reverso do DNI de María Concepción - María das Auroras, chamada así porque súa nai chamabase Aurora González - e informaríanos do seu vencello co Partido Galeguista, coa Federación Local Obreira da CNT - con sede daquela, nun inmoble anexo a muralla da vila, no Monte Real (Praza de Juan Bautista Alonso Español -  e o Club de Artesanos, de A Guarda - xurdido dunha escisión da sociedade Recreo Artístico Guardés, que tivo súa sede (o Club de Artesanos) na rúa Cervantes, onde anos depois sería o cuartel da Garda Civil -, e tamén da súa actividade profesional, como muller emprendedora, no negocio familiar "La Fe", onde xestionaba o cobro dos recibos de seguros de decesos e da funeraria. Sabemos que  - ata xullo de 1936, cando as tropas rebeldes se sublevaron contra o lexítimo Goberno da II República -  mesmo fixo servizos funerarios a quen non podía pagar o enterro dalgún familiar.

 María das Auroras, muller comprometida coa cultura e coas libertades democráticas, foi tamén dirixente do Ateneo de Divulgación Social, entidade vencellada a CNT e presidida por Eduardo Pantaleón Saúl (que foi concelleiro da Frente Popular, no Concello de A Guarda, e estivo preso na illa de San Simón). Ensinoulles as primeiras letras a moitas crianzas de familias humildes que non tiñan acceso á escolarización, actividade que realizou de xeito totalmente altruista, ao igual que lles inculcou á moitas persoas pobres o gusto pola lectura, pasándolles libros da Biblioteca Circulante, promovida polo indiano retornado José María Lomba, no seo da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla.

 Logo da toma da localidade de A Guarda polos franquistas, o 27 de xullo de 1936, os libros de María das Auroras, así como os de outras persoas, foron queimados nun acto público na Praza da Constitución (Praza do Reló), no que estiveron presentes militares, falanxistas e persoas que foron obrigadas a asistiren.

 Ainda que logrou sobrevivir á represión franquista, María das Auroras foi obrigada a tomar aceite de ricino, foille cortado públicamente - na Praza do Reló - o pelo a cero e estivo obrigada a non cubrirse a cabeza, para maior escarnio. Asemade, foi desterrada durante varios meses en Salvaterra de Miño. Namentras iso acontecía, outros membros do Partido Galeguista, como Manuel Noya Gil, Francisco Rodríguez, Honorio Brasilino Álvarez Sobrino,.., eran detidos, metidos en prisión, torturados e asasinados.

 Cando María das Auroras puido retornar á Guarda, ela e súa nai abriron o seu fogar a outras mulleres vítimas da represión franquista, como Manuela Baz Domínguez, viuva de Antonio Domínguez Pacheco (militante do Partido Galeguista e sindicalista da CNT) - que fora asasinado ao igual que seu irmán Ángel, polos xenocidas franquistas, o día 10 de agosto de 1936 -,  cando ela - Manuela Baz - estaba en estado de xestación, que daría lugar ao nacemento - xa orfo de pai - de Antonio Amado Domínguez Baz.

 Na casa das Auroras, tamén foi acollida Josefa García Segret, mestra, vencellada ao PSOE e membro da Federación de Traballadores do Ensino da UXT; esposa de Hipólito Gallego Camarero, mestre tamén, que deu escola nas aldeas coruñesas de Seavia e Carreiras, e tamén en Forcadela (Tomiño), e que foi torturado e asasinado polos franquistas- o día 4 de outubro de 1936 -, xunto con outras persoas - entre elas Francisco Rodríguez, naquela altura secretario do concello de Tomiño. e esposo de Isaura Gomes -, no lugar do Confurco, e logo arroxados seus cadáveres en Mondariz.

 Josefa García Segret, foi detida o 15 de agosto de 1936 e foi levada presa ao cárcere de Tui. Alí, grazas a sororidade doutras mulleres que se atopaban na mesma situación que ela, e a valerosa axuda do médico forense José Abraldes, e do doutor Darío Álvarez Blázquez, simulou estar embarazada. Foi xulgada en Vigo, o 7 de xaneiro de 1937, sendo condeada a morte, séndolle posteriormente conmutada pola pena de 30 anos de reclusión ao estar embarazada, abortando supostamente pouco despois. 

 En marzo de 1944 foille rebaixada a pena a 6 anos. Estivo internada nas prisions de Tui, Vigo, Saturrarán (Guipúzcoa), Palma de Mallorca (Baleares) e Saturrarán, saíndo en libertade o 22 de marzo de 1944. Traballou no grupo empresas Regojo, en Redondela e súa vida transcurríu entre Zamora, Redondela e Vigo. É autora do libro Abajo las dictaduras, publicado en Vigo (1982). Faleceu en setembro de 1986 en Oleiros (A Coruña). Seus restos mortais están en Redondela.  

 Na intervención de Manuel Álvarez, guía do roteiro, houbo tamén unha semblanza de Vicenta Rodríguez Cachada, persoa filantrópica que propiciou a chegada á nosa vila da comunidade das Hermanas Carmelitas de la Caridad, así como a creación do colexio San José, que ademáis de escolarizar a nenas pobres, tamén acollería a alumnas externas e mesmo internas, de pago. Con todo, previamente á construcción do devandito colexio, situado naquela altura na rúa Elduayen (hoxendía denominada rúa Puerto Rico), Vicenta Rodríguez Cachada creou unha pequena escola na súa casa, ubicada no lugar que facía esquina coa rúa que desde fai anos leva seu nome coa rúa Calvario.

 Por razóns de parentesco con Vicenta Rodríguez Cachada tamén se falou de Joaquina Sobrino, esposa do indiano guardés Manuel Otero (alcumado Potiño), promotores da fundación que leva o nome de ambos os dous cónxuxes, e que tivo como finalidade principal a creación dun asilo de persoas pobres das parroquias de A Guarda e de Salcidos (na que se incluían as persoas menesterosas de Camposancos, que naquela época ainda non era parroquia de seu). Desde fai anos, a que fora vivenda de Joaquina Sobrina e Manuel Otero, é a sede do Centro San Xerome Emiliani.

 O roteiro levaríanos ata A Ponte, onde houbo unha lembranza para Sara Gómez e súa nai, da familia das "Ganchellas". A emprendora Sara Gómez e súa familia, foron usufructuarias da casa e horta que está situada na rúa Calvario, entre as rúas Hernán Cortés e Vicenta Rodríguez Cachada. Esa propiedade - coa casa actualmente en lamentable estado, pois ten a cuberta afundida -, pertence a fundación Manuel Otero e Joaquina Sobrino.

 Desde alí, guía e participantes no roteiro, baixamos a rúa Malteses, e mesmo saímos ata A Robaleira, para relembrar a Dolores Rodríguez González, fundadora, xunto co seu esposo Roque Rodríguez - con quen casou en segundas nupcias - da taberna Gran Sol, que co paso dos anos pasaría a ser restaurante Gran Sol. 

 Coa imaxe da gran matriarca que foi Dolores Rodríguez González, proxectada no exterior do que fora o comedor do restaurante que ao longo de moitos anos rexentaron ela e súas fillas, interviu Olga (A Guarda, 1933) - cuxo restaurante - fundado en 1992 -, na rúa Malteses, de A Guarda, leva seu nome, e actualmente está xerenciado pola súa nora e por un dos seus netos -. Olga, que é todo un exemplo de loita - foi unha das cofundadoras da Asociación San Xerome Emiliani -, ainda acude todos os días a seu establecemento onde recibe persoalmente e saúda aos seus clientes, que son moito máis que iso. Realmente son amigos de moitos anos, que traen seus fillos/as e netos/as ata A Guarda para gozar coas especialidades gastronómicas de Casa Olga, que tivo entre seus clientes ao escritor Gonzalo Torrente Ballester.

  Coas lembranzas de cando Dolores e Roque comezaron a andaina do que logo sería o restaurante Gran Sol, e de como era á vida naqueles tempos, segundo unha entrevista que oportunamente lle fixo a tía Lola, a xornalista Florentina Andrés Álvarez (Tini Andrés), o roteiro continuou ata a fonte-lavadoiro da Ribeira, onde en primeiro lugar evocouse a Maribel, á lavandeira que acode a cotío a lavar á roupa a ese lugar, e que como ela mesma afirmou públicamente, coidará sempre, mentres poida. 

 A continuación, houbo unha lembranza para A Xuliva, na atinada prosa do cantautor e poeta Tino Baz Baz, que momentos despois coa súa guitarra, poría voz e música a esa persoa que formou parte da paisaxe da nosa Ribeira guardesa. 

 A actuación de Tino Baz, foi un magnífico broche de ouro a un evento que volverá a ter lugar novamente o vindeiro día 28 deste mes de outubro.

 Asemade, tamén haberá dúas andainas por Camposancos e Salcidos, que terán lugar os días 13 e 27 de novembro, en horario de 10:30 a 13:30h e que sairán dende a Alameda (8 km de percorrido e dificultade media) nas cales serán lembradas outras mulleres guardesas que tamén forman parte da nosa memoria colectiva.   

 As inscricións están xa abertas na recepción do Concello, chamando ao teléfono 986 610 000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es 

 As actividades - organizadas polo Concello de A Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), e subvencionadas subvencionada pola Deputación de Pontevedra - son gratuitas e as prazas limitadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario