11 de out. de 2022

A GUARDA

O PP RECURRE A MENTIRA PARA OCULTAR OS SEUS APAÑOS CO PSOE  

Anxo Lois Baz Vicente (portavoz do grupo municipal do BNG): “A desesperación do PP é tal que chegan a inventar que o BNG é socio de goberno de Antonio Lomba cando toda A Guarda sabe que non é verdade”   


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do grupo municipal do BNG no concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 “O PP da Guarda trata de desviar a atención sobre os apaños aos que chega co PSOE repetindo permanentemente a mentira de que “o BNG é socio de goberno de Antonio Lomba”, a  pesar de que todo o pobo da Guarda sabe que o BNG non forma parte do goberno municipal.” Dese xeito vén de pronunciarse públicamente o portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de A Guarda, Anxo Lois Baz Vicente.

 Asemade, o voceiro nacionalista tamén afirma: “Esta maneira tan absurda de proceder do PP, é unha mostra clara da desesperación e nerviosismo do líder do PP por  ocultar a veciñanza os acordos vergoñentos e contrarios aos intereses dos guardeses e guardesas aos que chega co PSOE de Antonio Lomba.  

 O PP da Guarda é cómplice co goberno do PSOE de intentar eliminar 12.000 m² de solo público para equipamentos, zonas verdes e aparcamentos no entorno do antigo campo de fútbol do Trega (PERI 5). Tamén son cómplices do goberno de Antonio Lomba en atrasar e  ter paralizado o acceso sur ao porto da Guarda a pesar das advertencias do BNG.  

 O  cinismo do portavoz do PP, ponse de  manifesto unha vez máis cando  acusa ao BNG da inoperancia do goberno do PSOE na xestión da piscina. Dase a circunstancia ademais  que fronte ao silencio do PP neste asunto no último pleno, o BNG demandou explicacións ao goberno municipal.”  

 Por último, o portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz manifesta que “a ausencia de proxecto do PP e do  PSOE para A Guarda coinciden plenamente. Carecen dun deseño alternativo e de futuro para o pobo da Guarda e a  política do PP consiste en tratar de distraer a veciñanza  para tapar as súas falcatruadas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario