29 de set. de 2022

TUI

A terceira edición do encontro MUMI reúne 200 profesionais da industria musical en Tui e Valença coa colaboración da Xunta  

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu no acto inaugural do encontro, que se desenvolve ata o sábado en diferentes espazos da eurocidade 

O evento ábrese tamén ao público xeral cun concerto de benvida a cargo de Xosé Lois Romero & Aliboria e Omiri, así como con encontros de bandas galegas e portuguesas, espectáculos de animación de rúa e o novo Festival Río Miño Tranfronteirizo 


O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu este mediodía no acto de benvida do evento que tivo lugar no Teatro Municipal de Tui

Foto: X.G.

Infogauda / Tui

 Arredor de 200 profesionais da industria musical de Galicia e Portugal danse cita desde hoxe na eurocidade Tui-Valença con motivo da terceira edición do encontro MUMI Músicas do Miño, que se abre tamén a público xeral con concertos e animación de rúa. A Xunta volve colaborar con esta iniciativa para favorecer o intercambio artístico e técnico entre os sectores musicais de ambas as beiras da raia, apoiando desta volta a organización do apartado de relatorios. 

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu este mediodía no acto de benvida do evento que tivo lugar no Teatro Municipal de Tui e no que tamén participaron os representantes da organización e do resto das entidades implicadas no desenvolvemento do MUMI 2022. A continuación, tivo lugar unha visita institucional á zona profesional, instalada no teatro tudense. 

 Sutil lembrou que o MUMI naceu en 2020 co impulso do Fondo de Proxectos Culturais, posto en marcha polo Goberno galego como xeito de dinamizar culturalmente a celebración do Xacobeo. Aproveitou a súa intervención para felicitar á organización por ser quen de lle facer fronte aos atrancos da pandemia na súa posta en marcha e lograr dotar de continuidade esta iniciativa, que comparte obxectivos coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades como ferramenta para afondar nas relacións culturais con Portugal, nomeadamente co norte do país veciño. 

Zona PRO

 Ademais de destacar as actividades que se comparten co público de ambas as localidades anfitrioas, Sutil detívose na programación da Zona PRO, específica para os profesionais acreditados, na que este ano se concentra o apoio da Xunta. En concreto, contribúese á organización de catro das mesas de debate que se desenvolven ata o sábado baixo os títulos Financiamento público para proxectos culturaisAs relacións entre axentes culturais e representantes políticosO papel dos medios de comunicación nas promocións artísticas e Proxectos transfronterizos Galicia-Portugal. Exemplos inspiradores. Estes faladoiros compleméntanse con outras dúas citas nas que se abordarán a situación actual en canto ao estatuto dos artistas e a prevención de riscos laborais en ambos países. 

 Así mesmo, os profesionais acreditados terán a oportunidade de participar en reunións profesionais de moi curta duración e de asistir a unha vintena de encontros de artistas e bandas galegas e portuguesas, así como á primeira edición do Festival Rio Miño Tranfronteirizo con catro grupos locais en cartel. O prazo de inscrición para asistir ao encontro continuará aberto ata o último día de actividade. 

Concertos públicos

 Pola súa banda, o público poderá gozar tanto do concerto inaugural que terá lugar esta noite en Valença a cargo dos galegos Xosé Lois Romero & Aliboria e o portugués Omiri,  como do Festival Río Miño Transfronteirizo, que se celebrará o sábado pola tarde no Paseo da Corredoira de Tui coas actuacións de Helen & Shanna e Rockin´Gina and The Sentinels en representación de Galicia e Jasper e Rackham desde Portugal. 

 O cartel de encontros conta igualmente con citas de entrada libre, como as que ofrecerán as bandas galegas Brais Morán & Nasaufunk, Brassica Rapa, Caldo, Golfiños e Néboa e as portuguesas 47 de Fevereiro, Birds Are Indie, Crua, Dapunksportif, Kumpania Algazarra, Raia e Space Ensemble. Dentro do programa exclusivo para profesionais actuarán Caamaño&Ameixeiras, Momboi, Mounqup e Xan Campos Trío pola banda galega e Manuel Maio e Meta pola lusa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario