O asociacionismo guardés, máis vivo ca nunca
• A IV Mostra Asociativa contou coa participación de 28 entidades da vila e unha afluencia de público excepcional
• A V Baixada de Carrilanas Festas das Mercedes, de A Gándara congregou a milleiros de persoas na rúa Concepción Arenal
Infogauda / A Guarda
Logo de dous anos de barbeito obrigatorio por causa da pandemia, o movemento asociativo de A Guarda retomou con moita forza e ilusión a súa festa asociativa neste 2022.
Na tarde do pasado sábado día 10 de setembro as asociacións e colectivos deportivos, culturais e sociais de A Guarda voltaron á rúa para participar na IV Mostra Asociativa.
Esta IV edición arrancou ás 15:30 horas na praza de Avelino Vicente coa actuación de Trans Miño e a seguer a da Asociación Studio 88, seguidas dunha actuación musical e de baile conxunta entre o Coro Arpegios Cantábile, Na Revolta, Xamaraina e Vento Mareiro.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda continuaba a programación coa participación dun grupo de persoas adultas e tamén de picariñas/os, que coordinadas por membros da xunta directiva, realizaron fermosas mostras de alfombrismo. Asemade, maiores e nenas/os tamén colaboraron na representación dunha entretida peza teatral xunto con integrantes de Coiro Vello, para proseguir a Asociación FOCO cunha actuación da mocidade do proxecto Axentes Antibulos.
A exhibición de baile e danza do grupo Dansá, do Centro Deportivo Baixo Miño congregou a moito público que premiou cos seus aplausos as coreografías realizadas.
Logo de todo iso, daría comezo á derradeira actividade desta edición, a V edición da Baixada de Carrilanas Festas das Mercedes, de A Gándara. Unha proba que este ano trasladouse ata o casco urbano da vila e que contou coa participación dun total de 11 bólidos e 6 triciclos, ademais dunha afluencia de espectadores moi significativa, con milleiros de persoas que se congregaron ao longo da rúa Concepción Arenal para presenciar esta proba, así como a baixada - con patíns de catro rodas en cada pé - de tres xogadores do club A Guarda Hockey Liña.
En palabras de Fátima Rodríguez Marcos, concelleira de Desenvolvemento Local, “a IV Mostra Asociativa, coa participación de 28 postos de colectivos guardeses, serviu para que as entidades poidesen expór parte do seu traballo e ensinasen e divulgasen as súas accións e actividades.”
Este ano contouse cunha ampla programación de actividades como xogos (interactivos, tradicionais,...), obradoiros de nós, chapas, probas de remo ergómetro, sorteos, ...
Esta edición da Mostra Asociativa, que xa se consolida no calendario anual de eventos, vén a pór de manifesto unha vez máis que o municipio luce coa presenza de moitas das entidades que día a día realizan actividades, idean proxectos e prestan apoio, para facer de A Guarda un lugar máis cooperativo, dinámico e participativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario