O Concello inaugurou en Pías a súa clara aposta polas escolas unitarias
Este domingo presentouse á veciñanza unha reforma integral do centro que se implementará progresivamente no resto do CRA María Zambrano
Búscase a posta en valor da educación de proximidade e a recuperación de edificacións de gran valor patrimonial no camiño da sostibilidade ambiental
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O
Rosal celebrou a pasada fin de semana unha exitosa xornada de portas abertas
para presentar á veciñanza a reforma integral da escola unitaria de Pías, o
primeiro gran paso na estratexia do Concello de reforma progresiva de todos os
centros do CRA María Zambrano. “A transformación deste edificio é un exemplo da
clara aposta que facemos dende o Goberno municipal non só pola educación de
proximidade, senón tamén pola recuperación de inmobles de gran valor
patrimonial seguindo sempre a liña da eficiencia enerxética e a sostibilidade
medioambiental”, explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Neste
sentido, o Concello está a facer un grande esforzo para captar fondos para a
modernización destes centros nos que a única competencia que ten é de
mantemento. Pero, como salientou a rexedora, “queremos ir moito máis alá. O
noso obxectivo é apostar por ese modelo educativo diferencial que temos no noso
municipio, un modo tamén de fixar poboación e manter viva a contorna. E para
iso iremos reformando de forma integral todas as unitarias, evitando o posible
deterioro estrutural de edificios únicos e mantendo as aulas en condicións
óptimas e de confort para alumnado e docentes”.
Durante
as obras de reforma, nas que se investiron arredor de 200.000 euros, implementáronse tamén medidas para facer da
escola un centro máis sostible. Así, instaláronse medidas que axudan a reducir
ao mínimo o consumo enerxético, como a renovación completa do sistema de
alumeado interior e da carpintería, así como das instalacións eléctricas, de
fontanería e saneamento; un novo illamento térmico e unha nova soleira que
impermeabiliza o contacto co chan; o illamento do teito; a incorporación de
chan radiante para substituír os radiadores eléctricos que producían un alto
consumo; un sistema de aerotermia con bomba de calor de alta eficiencia ou un
sistema de renovación do aire interior con ventilación mecánica e recuperación
de calor para garantir a calidade de aire sen gastar enerxía na climatización.
Deste
xeito, o Concello traballa para dar solución “aos dous buratos negros de
consumo que se detectaron na auditoría enerxética municipal: as luminarias
públicas, para as que xa conseguimos 1,2 millóns de euros de fondos europeos
para a súa renovación, e as escolas unitarias, que polo tipo de instalación teñen
un consumo de enerxía moi alto”.
A alcaldesa rosaleira quixo agradecer a colaboración da comunidade educativa, que durante a execución das obras fixeron un grande esforzo para que a reforma integral fose unha realidade. “Son un exemplo de bo facer, como demostraron durante a pandemia, con esa capacidade de adaptación única. A todas e todos os docentes, nenos e nenas desexámoslle un grande inicio deste curso post pandemia no que todo volve á normalidade”, recalcou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario