XUBILEO PENITENCIAL DO VOTO A SANTA TREGA: UNHA TRADICIÓN GUARDESA CON 666 ANOS DE ANTIGÜIDADE
Celébrase o último sábado de agosto, coa participación de homes das parroquias do arciprestado de A Guarda
Os participantes no xubileo penitencial do Voto a Santa Trega suben ata á ermida, rezando o rosario
Foto: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A Irmandade do Clamor, cuxa existencia conta con 882 anos, xa que foi formalmente establecida no ano 1140 (e súas constitucións aprobounas o bispo de Tui D. Pelaio Menéndez nese mesmo ano); organiza cada ano, na ermida de Santa Trega, catro celebracións: a do Luns de Pentecostés, adicada ao Espírito Santo e á Virxe do Mar; o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega (que orixinariamente tiña lugar o luns infraoctavo da Asunción, e que desde fai moitos anos está sendo no último sábado de agosto); a festividade de Santa Trega, o 23 de setembro, e a de San Esteban, o 26 de decembro.
Polo seu carácter, destaca sobre todas elas, O Voto a Santa Trega, unha tradición que provén do ano 1355 - que segundo o Chronicon Conimbricense (un manuscrito contendo textos analíticos redactados no mosteiro de Santa Cruz de Coimbra, a finais do século XII) "este foi o anno mais seco que os homens viron" -, e ao que asisten únicamente homes.
Segundo a tradición, o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega ten relación directa cunha seca que se padeceu na comarca miñota durante sete anos. Iso trouxo aparellada diversas epidemias que produciron desolación e miseria. No libro de San Isidoro, de Caminha, está documentado que a auga foi racionada.
O ÚLTIMO SÁBADO DE AGOSTO CELEBRARASE O VOTO A SANTA TREGA
A aparición de Santa Trega e as posteriores rogativas e actos de penitencia, foron o inicio do Voto a Santa Trega. A tradición rememorarase un ano máis, o sábado día 27 de agosto, a partires das 20:30 h., en que os homes de sete das parroquias (Santa María da Guarda, San Lourenzo de Salcidos, A Visitación de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón, San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras) do arciprestado de A Guarda, precedidos por unha cruz procesional partirán con carácter penitencial desde O Cancelón (O Montiño), cara ao Pico de San Francisco, un dos cumes do monte Santa Trega. Durante a ascensión ata o santuario da discípula de San Pablo e primeira mártir do cristianismo, rezarase o santo rosario e o Vía Crucis.
A entrada no atrio da ermida efectuarase portando a imaxe de Santa Trega e cantando as ladaíñas do Clamor. A continuación o actual prior da Irmandade do Clamor, presidirá a celebración eucarística. Rematada ésta, procederá - en latín - a abenzoar o pan.
"(...) Aínda que inicialmente o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega - dixo nunha edición precedente do Voto, o párroco de Camposancos e de San Xoán de Tabagón, Ángel Soliño Fernández -, duraba tres días e desde fai moitos anos, reduciuse a súa duración, dado que comeza á tardiña do último sábado de agosto e conclúen os actos antes de medianoite; sí se mantén a bendición do pan, como recordo do xexún que efectuaban os nosos devanceiros. Sei que algúns de vós pasaredes a noite soamente con pan e auga".
Logo do canto do himno Veni Creator Spiritus (himno cristián en latín que invoca ao Espírito Santo, cuxo texto atribúese a san Rábano Mauro, douto monxe do século IX) coa súa oración e a Ladaíña de Todos os Santos, que inclúe outros particulares - "(...) Santa Trega, rogai a Deus por nós, Deus ouvide a nós, Kyrieleyson, (...)" -, darase a coñecer o novo prior, que como dixo Soliño Fernández "(... ) mentres poidamos, un ano será D. Jesús [García Villadóniga] e outro ano serei eu (...)" - e o capelán da Misa do Alba.
A continuación, o prior mostrará o relicario de Santa Trega (que contén unha reliquia da santa, concedida polo arcebispo de Tarragona o 1º de agosto de 1950 ao bispo da diócese Tui-Vigo, frei José López Ortiz, quen a entregou o 31 de agosto dese ano a Agustín Nandín Lomba, crego guardés que foi prior da Irmandade do Clamor), e que ata antes da pandemia da Covid-19 viña sendo bicada polos devotos, á vez que se efectuará a repartición dos pans, dando así por rematados - ao redor das 23:00 h. - os actos do Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega, instituido pola Irmandade do Clamor, desde o século XIV, e que por causa da pandemia non se celebrou nos anos 2020 e 2021.
SANTA TREGA: AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZÓN
Ademais do relicario, que se viña dando a bicar aos fieis nas catro celebracións ás que antes nos referíamos, tamén existe un relicario do Lignum Crucis (fragmento da Cruz na que foi crucificado Xesucristo, doado por frei Rosendo Salvado Rotea, monxe bieito - que foi bispo de New Norcia (Australia) - moi relacionado co convento da Transfiguración do Señor, de A Guarda).
Ao longo de todo o ano, numerosos devotos procedentes de diversos países, acoden ao santuario do Monte Santa Trega, e depositan aos pés da imaxe da protomártir Santa Trega, centos de exvotos - maioritariamente fotografías tamaño carné, que se van incorporando a álbums -, así como esmolas en metálico, agradecendo ou pregando a intercesión da santa, que está considerada avogada das doenzas da cabeza e do corazón.
Ademáis dos guardeses e veciños da comarca do Baixo Miño, os pescadores de Póvoa de Varzim son moi devotos da protomártir Santa Trega, como quedou acreditado na antiga porta da ermida da santa, onde deixaron gravadas súas marcas, ademáis doutros lugares dos que temos constancia, como ainda pode comprobarse a día de hoxe. Aquela porta, infortunadamente perdeuse, máis hai documentos gráficos que acreditan á presenza das marcas poveiras na porta principal do santuario. En todo caso, A Guarda - que na cidade de Póvoa de Varzim conta cunha rúa que leva o topónimo do noso concello - erixiu unha estela de pedra, situada a carón da ermida do Trega, cunha praca conmemorativa que leva o seguinte texto:
MARCAS POVEIRAS
HOMENAXE A PÓVOA DE VARZIM
23-9-1991
E do mesmo xeito que en 2018 unha delegación poveira arribou o porto de A Guarda, a bordo da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus" - embarcación en boa hora recuperada polo Museu Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim -, ademáis das persoas que viñeron por estrada (e posteriormente tamén viñeron en 2019); neste 2022, se non hai motivo de forza maior que o impida, novamente teremos entre nós a unha delegación de autoridades municipais, veciños e pescadores de Póvoa de Varzim para participar na festividade de Santa Trega e ao día seguinte nos actos de irmandamento da cidade poveira coa vila de A Guarda. Daquela, se cadra, voltaremos a escoitarlles cantar a seguinte copla:
Minha rica Santa Trega,
dainos ventinho de popa,
que queremos ir embora
e temos a vela rota.
A festividade de Santa Trega - padroeira do arciprestado de A Guarda - celébrase cada 23 de setembro. Unha data na que logo de moitos anos en que as mulleres de A Guarda - especialmente as da Marina (como se dí empregando o localismo guardés)-, foron quen souberon manter a devoción e a tradición; desde fai varias décadas, toda a poboación guardesa participa de forma activa nas celebracións eclesiásticas, na solemne procesión e na "poxa dos froitos", así como na romaría tradicional que afortunadamente - e que sexa por moitos anos -, aínda conserva a súa esencia tradicional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario