18 de xuño de 2022

VIGO

A conselleira do Mar participou hoxe na apertura do Foro Debate da Cultura Marítima 

Máis dun cento de persoas de distintos perfís relacionados co mundo do mar participan no deseño do Plan da Cultura Marítima de Galicia  

Rosa Quintana expuxo que o fin deste traballo é definir compromisos estratéxicos para poñer en valor e conservar o patrimonio marítimo galego

 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana participou hoxe na apertura do Foro Debate da Cultura Marítima
Fotos: X.G.


Infogauda / Vigo

 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o traballo que está a realizar a comunidade para o deseño do Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030 no que traballan a Xunta e a Universidade da Coruña coa colaboración de distintas entidades e máis dun cento de persoas de distintos perfís vencellados ao mundo do mar. Xente, especificou a titular de Mar, que presta os seus recordos e vivencias e cede a súa opinión e experiencia co obxectivo de definir compromisos estratéxicos para poñer en valor e conservar o patrimonio marítimo galego.

 Así o sinalou durante a inauguración do Foro Debate da Cultura Marítima de Galicia, enmarcado nos traballos para a elaboración do plan e celebrado hoxe no Museo do Mar de Galicia en Vigo. Alí tamén fixo fincapé en que esta colaboración é “a pedra angular do exercicio da dignidade colectiva da sociedade no coidado do que ela creou e do que lle pertence”.

 Un labor, subliñou Rosa Quintana, que ten o seu máximo expoñente nos grupos de acción local do sector pesqueiro nos que conflúen o sector pesqueiro e outros axentes territoriais e culturais que participan activamente na toma de decisións para o desenvolvemento do litoral. Neste sentido, incidiu no valor da participación destas persoas para entender o modo de vida da xente do mar, a evolución dos seus oficios e técnicas e a transformación do territorio.

 Grazas a todos eles, engadiu, Galicia avanza no traballo de compilación das tradicións e o patrimonio marítimo. A conselleira tamén tivo palabras de agradecemento para os investigadores da Universidade da Coruña que forman parte deste proxecto, coordinado polo profesor Óscar Fuertes.

Foro Debate da Cultura Marítima

 O Foro Debate da Cultura Marítima, que se celebra hoxe en Vigo e que se pode seguir en streaming nesta ligazón, é un espazo de intercambio de ideas e reflexións sobre o sector. Nel expóñense as conclusións das sete mesas participativas realizadas con axentes do mar por distintos puntos de todo o litoral galego e co apoio dos grupos de acción local do sector pesqueiro, que actuaron como anfitrións locais, co fin de extraer información para a elaboración do Plan da Cultura Marítima.

 Cada mesa foi dirixida por un experto que se encargou de xuntar as opinións e reflexións emitidas polos participantes. Nelas interveron entre 8 e 15 persoas, o que supuxo un total duns 100 participantes. Todo o material recollido nesta fase de traballo será obxecto de estudo e funcionará como base para pechar as liñas estratéxicas do actual borrador do Plan da Cultura Marítima de Galicia. Este evento será clausurado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo

 O Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030 permitirá definir os compromisos, as liñas políticas e as iniciativas a adoptar para protexer e promocionar o patrimonio marítimo da comunidade. O traballo que está a realizar Galicia neste ámbito enmárcase nun convenio de colaboración asinado polo Goberno galego coa Universidade da Coruña (UDC) e a súa fundación (FUAC), co obxectivo de redactar un documento base do plan no que se recollerán as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023 así como os pasos a seguir nos seguintes anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario