18 de xuño de 2022

TOMIÑO

In Memoriam  

Benito Pousa

 Compañeiro, amigo, confidente, mestre... 

 Difícil atopar as verbas axeitadas cando os sentimentos non as deixan fluír. 

 Foches un dos fundadores da Agrupación de Tomiño, que hoxe, coa túa partida queda máis orfa. Socialista de RAZA, que che emocionabas cada vez que soaba o himno do teu querido PSOE, traballador incansable a prol do ben común e fero loitador contra as inxustizas sociais. 

 Concelleiro de Educación no primeiro mandato da democracia en Tomiño, e é de xustiza lembrar e poñer en valor que foches ti, quen impulsou e puxo en marcha a Educación Infantil de 3 a 6 anos en todas as parroquias do noso Concello. 

 Ex traballador de Barreras e como non, sindicalista activo e comprometido da UXT. Fundador da Asociación de Pescadores do Baixo Miño, porque xunto ao socialismo, a túa outra gran paixón foi o Pai Miño. Defendeches e loitaches coma ninguén pola supervivencia das artes de pesca tradicionais  no noso río, que tan vital foi para moitas familias... 

 Benito Pousa, eres dos que loitan toda a vida, eres un imprescindible. Eres alegría, eres xenerosidade, eres constancia eres entusiasmo, eres traballo... Pero por riba de todo eres LEALDADE con maiúsculas, leal ás persoas, ó Partido, a ti mesmo e ós teus principios. Debémosche moito e levarémosche sempre no noso corazón. 

 As e os socialistas de Tomiño estamos rotos de dor e abrazamos a súa familia con todo o noso agarimo.

 Que a terra che sexa leve.

 Socialistas de Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario