18 de xuño de 2022

TOMIÑO

Ana Pontón no 15 aniversario do goberno do BNG en Tomiño: “Vexo a Sandra González con máis forza e máis ilusión que nunca”  

Destaca a transformación en positivo dun concello que pasou do declive a ser un referente, que medra no económico, no social e en servizos   

Subliña o papel clave da veciñanza no cambio que fixo de Tomiño un municipio con visión de futuro da man do goberno que lidera Sandra González  


Infogauda / Tomiño 

 A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Tomiño xunto coa alcaldesa, Sandra González, no acto de celebración coa veciñanza dos quince anos de goberno do BNG que lograron converter o concello nun referente en toda a comarca.  

 “Son quince anos de goberno que marcan un antes e un despois, que lograron transformar en positivo e mellorar a vida dos veciños e das veciñas e, por iso, quero felicitar a Sandra e a todo o seu equipo que conseguiron que Tomiño pasara de ser un lugar en decadencia a ser un concello dinámico no económico, social e cultural”, explicou a líder nacionalista.  

 Pontón destacou que cando hai confianza “nas nosas propias forzas e posibilidades somos capaces de avanzar e iso é o que demostrou a alcaldesa e o seu equipo de goberno, que teñen proxecto, estratexia e máis forza e ilusión que nunca para seguir aportando e seguir facendo de Tomiño un concello no que vivir e traballar, con servizos e benestar social”.  

 Para a portavoz nacional do BNG, no avance e no progreso do municipio tamén foi “clave” o papel dos veciños e das veciñas que confiaron nese proxecto que representaba o goberno municipal de Sandra González, “sen ese apoio e implicación nada sería posible”. “É moito o que se ten feito, pero o importante é que estamos ante o mellor equipo para que Tomiño siga avanzando nun momento clave no que se necesita confianza e visión de futuro, e iso é o que ten o Bloque e o que encarna perfectamente a alcaldesa Sandra González”, destacou Pontón.  

 Entre os logros do goberno local, o mercado municipal de excelencia e a aposta polo comercio local, o traballo feito en saneamento e traída de auga, a humanización do espazo público cunha política urbanística pensada para as persoas, cunha recuperación urbana espectacular que fai que, hoxe, a veciñanza de Tomiño está moi orgullosa do seu concello.  

 Tamén destacou a transformación no ámbito social, nun municipio premiado co recoñecemento de concello amigo da infancia outorgado por UNICEF, a creación do centro de día,  dúas escolas infantís con máis de cen prazas, centro de atención aos discapacitados,  o servizo de axuda no fogar, creouse o servizo de igualdade e de atención temperá ou a mellora das instalacións da Escola de Música con máis de 150 nenos e nenas estudando.  

 Igualmente, fixo fincapé na colaboración transfronteiriza co veciño concello de Vila Nova de Cerveira, desenvolvendo a axenda estratéxica Cerveira-Tomiño, con  servizos conxuntos, mesmo impulsando un parque compartido a ambos os dous lados. En definitiva, unha cooperación intelixente en servizos, - Escola de Música e piscina-, proxectos, infraestruturas, derrubando fronteiras a favor da veciñanza.  

 No ámbito económico, ademais do apoio ao comercio local e de proximidade, destaca a colaboración co sector máis puxante do concello, o da planta ornamental, contribuíndo a súa organización, impulsando a asociación de cultivos de viveiros e a visibilización do sector dentro e fora.  

 Tomiño tamén se converteu nun concello comprometido coa sostibilidade medioambiental e comprometido coa democracia, apostando pola participación da veciñanza na elaboración dos proxectos.  

 No acto de celebración, unha charla-coloquio coa veciñanza na praza do Seixo, a líder  nacionalista falou da crise de prezos e das propostas do BNG para paliar os efectos da escalada inflacionista nas familias, na clase traballadora, nas persoa autónomas e nas PEMES, con axudas directas en particular para as rendas máis baixas e para os sectores máis impactados polo aumento do custe da vida.   

 Pontón insistiu en que “hai que subirlle os impostos ás eléctricas que se están forrando coa crise de prezos a base de especular cun ben esencial como é a enerxía”, e mobilizar axudas cun plan de choque de 700 millóns de euros, destacando que só o ano pasado o Goberno do PP deixou sen executar mil millóns de euros.  

 Tamén fixo referencia ós problemas da sanidade, en particular na atención primaria, coa proposta do BNG de aplicar un plan de choque de 200 M€ para sacar a atención primaria da situación de colapso, porque por primeira vez na historia e debido ós  recortes do PP, hoxe miles de galegos e de galegas teñen lista de espera para ter consulta presencial no seu centro de saúde, algo que tamén sofre a veciñanza de Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario