4 de xuño de 2022

A GUARDA

Xesús Alonso Montero reivindica o legado literario de Xosé Carlos Gómez Alfaro na entrega dos premios de Orpagu  

Marea Amoedo e Nerea Pino recolleron na Guarda os galardóns do certame literario organizado polos palangreiros guardeses.   

O escritor e académico Xesús Alonso Montero participou no  multitudinario evento que tamén contou coa presenza dos membros do xurado Claudia Castro e Diego Giráldez.   


Representantes de Orpagu e do xurado, con Xesús Alonso Montero; familiares de Xosé Carlos Gómez Alfaro, cos nenos que participaron no certame - que recibiron os correspondentes diplomas - e as dúas gañadoras
Xesús Alonso Montero recibiu un recordo de Orpagu de mans do concelleiro Celso Rodríguez Fariñas

O salón de Orpagu acolleu a multitudinaria entrega de premios.


Mar Bermúdez / A Guarda

 Marea Amoedo e Nerea Pino, de 11 anos,  foron as protagonistas esta mañá da entrega de premios do certame de relatos “Xosé Carlos Gómez Alfaro” que, por primeira vez na súa historia, foi compartido. Pero non só elas brillaron no evento organizado pola Organización de Palangreiros Guardeses na súa sede de A Guarda. O académico Xesús Alonso Montero, que foi presentado polo concelleiro Celso Rodríguez Fariñas, recibiu un gran aplauso ao reivindicar na súa intervención o legado literario de Xosé Carlos Gómez Alfaro, amigo persoal, á vez que felicitou aos participantes e animoulles a cultivar o don da escritura. 

 Alonso Montero emocionou tamén á viúva - Rosa Berta Alfaro Diéguez - e ao fillo - Daniel - de Gómez Alfaro ao explicar o sentido dalgúns dos escritos do gran poeta e articulista que da nome ao concurso impulsado por Orpagu en colaboración coa Editorial Galaxia. 

 O salón de actos da organización pesqueira quedou pequeno para albergar ao preto dun centenar de invitados do acto de entrega de premios -socios armadores, participantes e familiares-, polo que desde a organización xa barallan cambiar o próximo ano a localización do  evento.  

 “O soño de Max”, de Marea Amoedo (Redondela), e “O mariñeiro da ponte”, de Nerea Pino (Ponteareas), erixíronse como vencedores este ano do concurso “Homes e Mulleres do Mar. Premio Gómez Alfaro”, ao que concorreron un total de 49 traballos. 

 O primeiro dos relatos conta a historia de Max, un neno de 9 anos que atopa nun soño que transcorre no fondo do mar unha válvula de escape dun fogar conflitivo e dun cambio de colexio. Pola súa banda, o segundo traballo protagonízao un novo matrimonio, mariñeiro el e percebeira ela, e un personaxe misterioso, “o  mariñeiro da ponte” que da título ao relato e que aparece para saldar unha débeda do pasado. 

 As dúas gañadoras do “Gómez Alfaro” foron galardoadas cunha  tablet, un trofeo e un lote de libros da Editorial Galaxia. Premios para incentivar máis se cabe o desexo de ler e de escribir destas dúas nenas que atoparon no mar e a súa xente a inspiración perfecta para plasmar nos seus relatos. 

Gómez Alfaro, sempre na memoria  

 O premio literario leva o nome do escritor Xosé Carlos Gómez Alfaro, profesor de Ensino Secundario no Colexio Padres Somascos, de A Guarda, localidade na que viviu ata o seu falecemento. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Gómez Alfaro foi un recoñecido escritor, poeta e articulista en varios medios de comunicación. Como poeta deuse a coñecer en 1969 cunha obra en castelán, “De rodillas”, publicada na Editorial CLA en Bilbao, pero toda a súa obra posterior foi en galego. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario